Comunicado sobre a desaparición da presenza de enfermeiras na quenda de noite na Residencia Castro Ribeiras de Lea (Castro de Rei).

E DICÍAN QUE NON ERAN RECORTES.

22 de xaneiro de 2025

A desaparición da presenza de enfermeiras na quenda de noite na Residencia Castro Ribeiras de Lea (Castro de Rei) demostra que, como denunciamos desde ASGADeD, a Orde da Consellería de Política Social de 4 de decembro de 2024, estaba a sentar a base para novos recortes do persoal das residencias.

Dende a ASGADeD (Asociación Galega pola Defensa do Sistema Público de Atención á Dependencia e Discapacidade) denunciamos hai unhas semanas que a Consellería de Política Social publicou no DOG do venres 13 de decembro a Orde do 4 de decembro de 2024, que modifica a Orde do 18 de abril de 1996 e que suprime a obriga de ter enfermeira 24 horas para residencias de mais de 40 prazas (5 enfermeiras contratadas como mínimo). Un feito gravísimo con consecuencias directas para a saúde das usuarias de residencias que incluso pode comprometer as posibilidades de supervivencia nos casos de urxencias vitais que precisen coidados especializados.

Pois ben, xa estamos a sufrir a primeira consecuencia: a dirección da residencia de Castro Ribeiras de Lea (Lugo), un centro de titularidade pública mais de xestión privada pola empresa SK Senior, con 172 prazas para persoas dependentes decidiu unilateralmente suprimir o persoal de enfermería na quenda de noite, ficando só ao persoal xerocultor na quenda de noite. Si se produce unha urxencia nesa quenda, serán as xerocultoras as responsables da primeira atención, decidir as derivacións hospitalarias, chamar ó 061, etc., polo que mentres fan esas funcións para as que non teñen a formación específica, quedan as demais usuarias sen atender, retrasando o traballo nocturno habitual (cambios de cueiros, inxesta de suplementos, rondas, etc.). Non queremos pensar no que pasaría si se producen varias urxencias na mesma quenda.

A seguinte consecuencia será que non se van cubrir as vacacións, IT, permisos por garda legal e calquera outra circunstancia das enfermeiras. Tampouco se contratará persoal para cubrir vacantes e as poucas que queden en cada centro estarán tan sobrepasadas e saturadas que se marcharán a outros sectores buscando mellores condicións laborais, polo que aínda será mais difícil atopar persoal. Todo para xustificar a máxima das empresas privadas: “non atopamos persoal”.

Como denunciamos con anterioridade esta Orde só beneficia ás empresas propietarias e/ou xestoras de residencias (a maioría pertencentes a grandes corporacións con capital procedente de fondos de investimento ou a empresas de construción) e prexudica gravemente ás usuarias, a súas familias e ao persoal que traballa nos centros, con medios cada vez mais precarios.

Á Consellería de Política Social non lle chega con desmontar o sistema público de dependencia privatizando as unidades, servizos e centros públicos para encher as arcas dos empresarios, con estas medidas buscan volver a un sistema de asilos mais propio do século XIX-XX, cun desprezo total cara a aquelas persoas que sofren dependencia ou discapacidade, as súas familias, as traballadoras e a sociedade en xeral.

Desde a ASGADeD solidarizámonos coas persoas usuarias da Residencia de Castro de Ribeiras de Lea, e as súas familias, que verán reducirse a calidade da atención que se lles presta coa desaparición da quenda de noite de enfermaría, así como aínda como coas traballadoras da Residencias que verán aínda mais precarizadas as súas condicións de traballo como consecuencia do novo recorte que vai aplicar a Dirección da Residencia en aplicación do recorte promovido pola Consellería de Política Social.