Concentración da Plataforma EMERXENCIA DEPENDENCIA o 17 de Novembro, diante do Parlamento Galego
NOTA DE PRENSA
A Plataforma Galega EMERXENCIA DEPENDENCIA, por unha Atención Digna á Dependencia chama á cidadanía a mobilizarse diante do Parlamento Galego o 17 de novembro.
Santiago de Compostela, 13 de novembro de 2025
A Plataforma Galega EMERXENCIA DEPENDENCIA, por unha Atención Digna á Dependencia —baixo o lema A Dependencia e os coidados non poden agardar, orzamentos sociais xusto xa!— convocaE unha concentración o luns 17 de novembro ás 11:00 horas diante do Parlamento de Galicia (Rúa do Hórreo, Santiago de Compostela) para esixir políticas públicas xustas e unha atención digna ás persoas dependentes.
A mobilización ten como obxectivo denunciar a grave situación de emerxencia que vive o sistema galego de atención á dependencia, marcado por longas listas de espera, demoras de máis dun ano na tramitación dos expedientes e falta de recursos humanos e materiais. A día de hoxe, as persoas dependentes deben agardar de media ó redor dun ano, para recibir unha prestación que, segundo a lei, debería resolverse en 180 dias, moitas persoas falecen mentres esperan pola dependencia. Galicia é a comunidade autónoma con menor número de solicitudes de dependencia por persoa potencialmente dependente, segundo os datos que publica o IMSERSO (Instituto de Mayores y Servicios Sociales) sobre o Sistema para la Autonomía y Atención a la Dependencia (SAAD).
Desde a Plataforma criticamos a reforma da Lei 13/2008 de Servizos Sociais aprobada pola Xunta “pola porta de atrás”, sen diálogo cos axentes sociais, e alertan de que esta modificación “reduce dereitos e abre a porta á privatización encuberta do sistema”.
“A dependencia e os coidados non poden agardar. Queremos servizos públicos, non bonos”, sinalamos dende a organización.
Entre as principais demandas da Plataforma destacan:
-
A revogación das modificacións da Lei 13/2008 e a creación dun sistema público galego de atención á dependencia.
-
Incremento urxente de persoal para as valoracións e tramitacións de dependencia e discapacidade.
-
Aumento dos orzamentos sociais e creación de máis prazas en centros públicos, residencias e servizos de atención no fogar.
-
Creación dun sistema público de atención a Dependencia.
-
Convocatoria inmediata do Consello Galego de Benestar Social coa presenza da Conselleira de Política Social e Igualdade.
A Plataforma fai un chamamento á cidadanía, organizacións sociais e forzas políticas para sumarse á concentración do 17 de novembro e defender “un sistema público forte, xusto e digno para todas as persoas en situación de dependencia”.
Reunións con grupos parlamentarios
No marco das accións reivindicativas, a Plataforma Galega EMERXENCIA DEPENDENCIA manterá unha xuntanza co BNG o venres 14 de novembro e outra co PSdeG-PSOE o luns 17 de novembro no Parlamento de Galicia, co obxectivo de trasladarlles directamente as súas demandas e propostas para mellorar o sistema galego de atención á dependencia.
DATA: 17 de novembro de 2025 as 11:00
LUGAR: Diante do Parlamento de Galicia (Rúa do Hórreo, Santiago de Compostela)
Convoca: Plataforma Galega por unha Atención Digna á Dependencia – Emerxencia Dependencia.