Presentación de ASGADeD na UNED de LUGO o 12/06/2025
Presentación Pública
Asociación Galega na Defensa do Sistema Público de Dependencia e Discapacidade
ASGADeD
Demandamos un sistema público galego de atención á dependencia que aglutine todos os recursos públicos (residencias, SAF, centros de día, etc.)
As modificacións realizadas nos últimos meses pola Consellaría de Política Social e Igualdade empeoraron a situación de usuarias e profesionais
13/06/2025
Na mañá de onte tivo lugar unha rolda de prensa para presentar a Asociación Galega na Defensa do Sistema Público de Dependencia e Discapacidade (ASGADeD) na cidade de Lugo, seguida xa no serán dunha palestra informativa sobre a actual situación dos servizos de atención á dependencia e discapacidade, dando a coñecer as demandas da ASGADeD.
Ámbolos dous actos tiveron lugar nas instalacións da UNED e contaron coa intervención de Francisco Vázquez Vizoso (médico xubilado, ex-Xefe do Servizo de Medicina Preventiva do Complexo Hospitalario de Pontevedra) e Margarida Prieto Ledo (familiar e coidadora de persoa dependente).
“A diferencia do que sucede co ensino ou a sanidade pública, o Servizo de Atención á Dependencia (SAAD) é un sistema feble e desestruturado”, contextualizou Francisco Vázquez. “Dende ASGADeD defendemos que a Xunta de Galicia debe pór en marcha un sistema público galego de atención á dependencia, similar ao SERGAS na sanidade pública, que aglutine todos os recursos públicos como residencias, centros de día, SAF, etc.”.
Como poñen de manifesto as abondosas denuncias de persoas usuarias e familiares, a calidade dos servizos prestados en Galicia a día de hoxe, tanto en cuestións que van dende o os coidados ou a alimentación até a propia atención sanitaria, é moi mellorábel, sendo mesmo obxecto de polémicas públicas.
As eivas na xestión administrativa deste ámbito sociosanitario exténdense mesmo ás condicións laborais das persoas traballadoras no sector da dependencia, na súa inmensa maioría mulleres, que padecen unha grave precariedade laboral e salarial. “Os baixos salarios son unha das fontes principais dos beneficios das empresas privadas que hexemonizan o sector, e están na orixe do sistemático incumprimento dos ratios de usuarios/traballador que inzan de penalidade as condicións de traballo e deterioran a calidade dos coidados prestados aos usuarios”, denunciou Vázquez.
De feito, unha ollada aos datos europeos relativos á inversión nestas políticas sociais evidencia un infrafinanciamento do SAAD a nivel do Estado español, que cun 0,8% do Produto Interior Bruto (PIB) invertido, está moi lonxe, non xa de secundar cifras de Estados de referencia nesta materia, como Suecia (3,9% do PIB) ou Dinamarca (4,5% do PIB), senón que está máis dun punto por embaixo da propia media da Unión Europea, situada nun 2%.
Dende ASGADeD alertamos de que esta situación, lonxe de reverterse, está a agravarse fondamente coas últimas modificacións realizadas pola Consellaría de Política Social e Igualdade, que desprotexen inda máis ás persoas dependentes e ás súas familias acrecentando a súa vulnerabilidade. Ademais, estas actuacións son trasladadas de xeito enganoso pola Xunta de Galicia a través dos medios de comunicación, pretendendo trasladar unha imaxe de acción positiva por parte da Administración pública que vai en dirección diametralmente oposta á realidade que viven as usuarias e traballadoras dos servizos de atención á dependencia e discapacidade.
“No tema da dependencia, despois das ultimas modificacións do Goberno da Xunta, seguimos sendo a comunidade autónoma que menos solicitudes ten por persoa potencialmente dependente: un 18,57 % fronte á media estatal de 34,12%, ou a comunidades como o País Valenciá co 35,33 % ou Murcia co 35,19%”, ilustrou Margarida Prieto. “Tamén continuamos a ter máis dun ano de media en tempo para facer unha valoración, exactamente 387 días segundo datos de maio deste mesmo ano”.
Neste momento fica xa constatado que as políticas impostas pola Administración galega nos últimos meses o que teñen conseguido é un deterioro importante dos coidados das persoas, unha vez que están derivando cara as prestacións do bono coidado, en detrimento do Servizo de Axuda no Fogar (SAF), en clara redución.
A marzo de 2024 o SAF contaba con 25.392 usuarias/os, o 27% das solicitantes de axuda á dependencia; a maio do 2025, este número reduciuse a 23.569, é dicir, 1.823 menos en apenas un ano, o que supón unha baixada até o 19,77 %. Increméntase, pola contra, o Bono Coidado, é dicir, unha opción de carácter asistencialista que, por unha banda obvia a pertinencia de que unha atención de calidade á dependencia e discapacidade debe ser realizada por persoas con formación profesional específica e, por outra, carga a responsabilidade destes coidados maioritariamente nas mulleres das familias. Así, das 17.754 persoas -un 19,51% das solicitantes de axuda á dependencia- que a marzo do 2024 estaban sendo atendidas por familiares, pasamos ás 26.041 -21,84% das solicitantes- de maio deste ano.
Fronte a esta realidade, tanto Francisco Vázquez como Margarida Prieto fixeron fincapé na importancia de que tanto as persoas e profesionais afectadas, así como a sociedade no seu conxunto, sexamos quen de organizármonos para xuntas ser capaces de frear esta desfeita.
Dende ASGADeD defendemos a necesidade imperiosa de erguer o 4º Piar do Estado de Benestar: un potente Sistema de Servizos Sociais dirixidos ás persoas dependentes e discapacitados, así como tamén á infancia, á marxinación social… E que este estea baseado no dereito subxectivo e, polo tanto, directamente recorríbel nos tribunais da xustiza no caso de ser denegado.
As políticas de benestar deben ser de carácter universal, accesíbeis a todas as persoas polo feito de ser cidadáns; suficientes, sen que resulte imperiosa a necesidade de recorrer a persoas da familia; e de calidade, no que as persoas dependentes sexan atendidos con dignidade. A loita e a mobilización social será o elemento central que nos permitirá conseguilo. Somos quen de dar batallas exitosas na defensa do Estado de Benestar.
Grazas pola atención