CHARLA DE PRESENTACIÓN DE ASGADed EN ARTEIXO.

O pasado luns, 24 de marzo de 2025, tivemos unha charla de presentación de ASGADeD en Arteixo. A charla organizárona o grupo de persoas que recolleron máis de 5.000 sinaturas reclamando a existencia de cando menos unha nova residencia de maiores en Arteixo. O acto tivo unha boa asistencia, cunha nutrida presencia de familiares de persoas con diversidade funcional, para as que non existen dispositivos asistenciais malia no concello malia que Arteixo é un concello de case 35.000 habitantes e ten conta cun alto orzamento municipal en relación ao seu tamaño.

Explicamos que é ASGADeD e cales son os seus principios fundamentais, é dicir: 1) a aposta por uns servizos sociais 100% públicos, tanto no seu financiamento como na súa titularidade (propiedade), xestión e provisión, 2) o convencemento de que a calidade dos coidados e o negocio son termos contraditorios, polo que defendemos que a procura de beneficios económicos debe ser ter cabida no sector da dependencia e discapacidades e, por último, 3) a consideración de que a vía fundamental para conseguir os nosos obxectivos é a mobilización cidadán.

Na charla explicamos tamén cal é o noso diagnóstico dos principais problemas que presenta o sector da dependencia/discapacidade en Galicia, manifestamos o noso apoio ao proceso asociativo das familias con persoas con discapacidade que está tendo lugar en Arteixo, e animamos ao público a que participara na mobilización por uns servizos sociais públicos dignos que nesta mesma vila organizaba 3 días despois un sindicato, da que reproducimos aquí unha fotografía.

Charla de presentación de ASGADeD en Arteixo, o 24/03/2025

Concentración convocada pola CIG en Arteixo o 27/03/2025, en defensa dunha atención digna á dependencia