Asociación Galega en Defensa do Sistema Público de Dependencia (ASGADED)
24/03/2026
ASGADED, diante da nova macrorresidencia de maiores anunciada pola Xunta en Ribeira, advirte á opinión pública que este tipo de grandes centros responden a intereses económicos alleos á calidade da atención ás persoas usuarias.
A Asociación Galega en Defensa do Sistema Público de Dependencia (ASGADED) quere trasladar á opinión pública a súa preocupación co modelo de residencias públicas que está a crear a Xunta de Galicia, e exemplificada no anuncio de que se van a iniciar os traballos técnicos para licitar a redacción do proxecto dunha nova residencia pública en Cruxeiras (Ribeira), que finalmente contará con 120 prazas, fronte ás 100 inicialmente previstas pola Consellería de Política Social.
Segundo a Xunta, este incremento de capacidade responde á necesidade de dar unha resposta á demanda de novas prazas residenciais de maiores por parte das familias de Ribeira e dos concellos próximos. Porén, desde ASGADED poñemos en cuestión este argumento. Aínda que é certo que Galicia presenta un importante déficit de prazas residenciais públicas, fundamentalmente debida a que foron escasísimas as novas residencias creadas pola Xunta nos últimos 16 anos, consideramos que a forte demanda de prazas existente pode e debe atenderse mediante a creación de centros que garanten a calidade da atención ás persoas que vivan nelas o que é incompatíbel coa existencia desas grandes instalacións como os da nova residencia pública anunciada en Ribeira.
A construción de macroresidencias non responde a criterios de calidade asistencial, senón a procura de aforro económico por parte da Xunta na construción de novas residencia e, tamén, á procura dunha maior rendibilidade económica para a empresa privada que xestionará o novo centro residencial, dado que todo apunta a que esta nova residencia tamén seguirá un modelo de xestión privatizada como todo o que está a promover a Xunta de Galicia; pois para as empresas privadas que xestionan centros residenciais, moitas delas vinculadas a grandes fondos de investimento (fondos voitre) un maior tamaño dos centros, facilita extraordinariamente unha economía de escala que os fai máis rendíbeis economicamente, sen que a evidente contradición entre negocio e calidade dos coidados lles quite o soño a estas empresas.
Cómpre lembrar que o Acordo do Consello Territorial de Servizos Sociais e do Sistema para a Autonomía e Atención á Dependencia, do 28 de xuño de 2022 establece, en relación co número de prazas das residencias que “”Non poderán superar las 75 prazas residenciais ando se encontren situados en zonas rurais ou escasamente poboadas, non poderán superar las 90 prazas cando se encontren situados en localidades ou zonas de densidade intermedia e non superarán las 120 prazas cando estean situados en cidades ou zonas densamente poboadas”. Está claro que unha residencia en Ribeira non debería superar as 90 prazas.Ademais, o Acordo do 28 de xuño de 2022 introduce como eixo fundamental a organización dos centros en unidades de convivencia reducidas, de 15 persoas como máximo, co obxectivo de crear contornas máis humanas e semellantes a un fogar, favorecendo así unha atención centrada na persoa.
É interesante saber que, en Finlandia, as unidades de convivencia non sobordan as 12 persoas.
Estes aspectos, centros máis pequenos e estruturados en unidades de convivencia de tamaño reducido, constitúen os piares do novo modelo de coidados que se viu necesaria após da pandemia.
Porén, a Xunta de Galicia, aínda non adaptou a súa normativa a estas directrices nin incorporou estes avances de maneira efectiva.
Desde ASGADED defendemos que a creación de centros de menor tamaño non só mellora a calidade da atención, senón que tamén favorece a proximidade, permitindo ás persoas usuarias permanecer na súa contorna habitual e reducindo o illamento social. Así mesmo, un modelo de residencias pequenas distribuídas polo territorio, contribúe a dinamizar a economía local, fomentar o emprego de proximidade e axudar a fixar poboación en zonas rurais e semirurais.
Pola contra, os macrocentros tenden á despersonalización da atención e dificultan a creación dun ambiente verdadeiramente acolledor e familiar.
Por todo isto, solicitamos á conselleira de Política Social, Fabiola García, que non utilice as necesidades das familias do Barbanza como xustificación para favorecer as políticas de baixo gasto público en dependencia e de apoio aos intereses económicos das empresas privadas que xestionan residencias de titularidade pública. Se o obxectivo é realmente mellorar a atención ás persoas maiores e dependentes, cómpre apostar pola creación de máis centros de pequeno tamaño, de proximidade, e de titularidade, xestión e provisión 100% públicas.
De non ser así, estaremos a converter un dereito fundamental nun negocio, afastándonos dun modelo de coidados digno e centrado nas persoas.