A campaña de concienciación impulsada pola Asociación Galega en Defensa da Dependencia e Discapacidade (ASGADeD), centrada na alimentación das persoas maiores —especialmente no ámbito residencial—, continúa avanzando e atópase actualmente na metade da súa primeira fase.
Esta iniciativa xorde coa intención de poñer o foco nun aspecto clave, pero a miúdo infravalorado: o papel da alimentación como piar fundamental na saúde, na calidade de vida e no benestar das persoas maiores.
Tanto a evidencia científica como a experiencia dos profesionais do sector levan anos sinalando a presenza de situacións como a desnutrición, a inadecuación das dietas ou a falta de adaptación ás necesidades individuais nas residencias. Estas realidades non só impactan no estado nutricional, senón tamén na autonomía, na evolución clínica e na dignidade das persoas.
A través desta campaña, ASGADeD está a promover un espazo de reflexión e sensibilización dirixido a profesionais, familiares e á sociedade en xeral, incidindo na importancia dunha alimentación adecuada, individualizada e baseada na evidencia. Ao mesmo tempo, búscase poñer en valor o papel da nutriión como parte esencial dos equipos que atenden ás persoas maiores.
Nesta primeira fase, que continúa en desenvolvemento, estanse a difundir distintos contidos informativos co obxectivo de xerar conciencia e coñecemento arredor desta realidade.
De maneira complementaria, esta etapa dará paso a unha segunda fase na que se afondará desde unha perspectiva máis práctica e participativa. Está prevista a organización de diferentes encontros telemáticos en formato webinar, nos que se abordarán cuestións de especial interese como a desnutrición en residencias, a adaptación de texturas, a visión das persoas usuarias ou o traballo coordinado entre profesionais.
Dende ASGADeD reafirmamos o noso compromiso coa mellora da atención nutricional das persoas maiores, entendendo a alimentación como unha ferramenta esencial para coidar, respectar e mellorar a súa calidade de vida.
Vídeos publicados ata agora: