11/03/2025
Dende a Asociación en Defensa do Sistema Público da Dependencia e Discapacidade (ASGADeD) queremos amosar o noso apoio e solidariedade co persoal, familiares e usuarios da residencia pública “Volta do Castro” de Compostela, que están a levar a cabo mobilizacións de protesta (denuncias aos medios de comunicación, concentracións, recollida de sinaturas ou andainas ou “peregrinacións”…) de denuncia do que denominan “psiquiatrización” da súa residencia.
A Xunta actúa temerariamente ao meter en residencias de maiores a un tipo de pacientes para os que non están preparadas: persoas con menos de 65 anos con patoloxías psiquiátricas ou adiccións, e fano sen ter ningún plan específico para uns pacientes con necesidades especiais, pois o seu correcto coidado é diferente do habitual nunha residencia de maiores; este tipo de pacientes ocupan máis tempo de atención e requiren máis recursos e persoal formado e especializado nas doenzas que os caracterizan e, ademais e con certa frecuencia, presentan crises para as que a Xunta non aporta protocolos de actuación.
Segundo informan traballadoras da residencia, actualmente o 75% dos ingresos son psiquiátricos ou de adiccións, e a falla de persoal e de preparación para esas doenzas, xunto co feito de que os outros usuarios son persoas maiores e fráxiles, crea cada vez máis inseguridade e sobrecarga de traballo, incluso agresións entre internos e algúns roubos. A xunta só deu un cursiño de «seis horas para o equipo médico e as enfermeiras, e para as auxiliares, una formación online» isto é unha mostra da pequenísima importancia que a Xunta lle dá a este problema.
Lembramos que a residencia “Volta do Castro”, foi a primeira en completar a transformación tecnolóxica, que a Consellería de Política Social di estar promovendo no ámbito sociosanitario, para alegría das empresas tecnolóxicas e como practicamente única estratexia para mellorar a calidade das residencias. Os problemas de escaseza do persoal ou das escasísimas prazas existentes nas residencias públicas non parecen preocuparlle tanto.
O problema tamén se presenta noutras residencias, por exemplo no CRAP de Vigo, mais é na residencia “Volta do Castro” onde as traballadoras e traballadores, e tamén algúns familiares e usuarios, estanse opoñendo dun xeito activo a esa política de “psiquiatrización” da súa residencia que está provocando un deterioro da calidade dos coidados que se prestan nela.
A calidade da atención nas residencias galegas empeorou despois da pandemia de COVID e cada vez hai menos medios e recursos; na súa ultima ocorrencia a Xunta recortou a presenza de persoal de enfermería mentres que, ao mesmo tempo, está a ingresar nas residencias públicas a xente que, cando non está atendida por persoal especializado e suficiente, pode alterarse, volverse agresiva, ou ter condutas antisociais.
Fabiola García actúa con hipocrisía cando dí que a estes pacientes failles falta “empatía e humanidade” e que “esa xente ten que estar nalgunha parte”. Certo, estes pacientes teñen que estar nalgún sitio, mais as residencias de maiores non é o sitio máis adecuado para que estean. E é a súa responsabilidade, como Conselleira de Política Social, garantir que estean en centros axeitados, dotados dos recursos e do persoal especializado que exixe a súa correcta atención. A conselleira, ou non se enteira de todo o sufrimento que ocasionan as súas ocorrencias ou é extremadamente inhumana