ASGADeD

Nace “Emerxencia, Dependencia”: fronte común contra o “colapso” do sistema galego de atención á dependencia

Compostela, 22 de setembro de 2025.– Organizacións sociais, políticas e sindicais presentaron esta mañá, en rolda de prensa a Plataforma por unha Atención Digna á Dependencia “Emerxencia, Dependencia”, para facer fronte común á necesidade dunha atención digna á dependencia a través dun sistema público galego forte.

ASGADeD, BNG, CCOO, CIG, Compostela Aberta, COP (Colexio de Psicoloxía), COTOGA (Colexio de Terapia Ocupacional), COTS (Colexio de Traballo Social), CUT, Esquerda Unida, MODEPEN, SINDICATO LABREGO GALEGO, PODEMOS e PSOE presentaban esta mañá a plataforma “Emerxencia, Dependencia” e o manifesto no que se recollen tanto a análise da situación como as propostas coas que se pretende dar unha solución acaída á actual situación de emerxencia.

Con este motivo anunciaron que se solicitará unha xuntanza coa conselleira de Política Social e máis cos grupos parlamentarios, para que inclúan estas propostas como emendas nos orzamentos da Xunta para 2026, ademais da convocatoria dunha mobilización para o día 17 de novembro, coincidindo co debate das emendas á totalidade dos orzamentos.

Manifesto presentación da plataforma “Emerxencia, Dependencia”

NosDiario:  Organizacions sociais e politicas lanzan a plataforma “Emerxencia, Dependencia” para denunciar a situacion critica do sistema en Galiza

Praza.gal: O “colapso” na dependencia leva á creación dunha “fronte común” sindical, social e política 

RNE Galicia – Presentación da plataforma “Emerxencia, Dependencia”

Avances no diálogo co Ministerio de Consumo e a AESAN sobre a calidade alimentaria nas residencias e centros asistenciais.

  • ASGADeD, xunto co SLG e a Plataforma Comida Digna Xa, reúnese coa Axencia Española de Seguridade Alimentaria (AESAN) e o Ministerio de Consumo para falar das propostas ao Real Decreto para o fomento dunha alimentación saudábel e sostíbel.

  • Na reunión, que en xeral foi positiva, participaron Paula Rubio Marqués, técnica de xestión de organismos autónomos e representante de consumidores e usuarios, Teresa Robledo de Dios e Alberto Díaz García, de AESAN; Francisca Martínez, voceira da Plataforma Comida Digna Xa, e que forma parte de ASNADI (Asociación Nacional de Dietistas) e é a Coordinadora do Grupo de Especialización en Nutrición na Terceira Idade; e Isabel Vilalba Seivane e Margarida Prieto Ledo do Sindicato

Galiza, 9 de setembro de 2025.

O pasado 5 de setembro representantes de ASGADeD, xunto con o Sindicato Labrego-Comisións Labregas (SLG-CCLL) e a Plataforma Comida Digna Xa, reunímonos coa Axencia Española de Seguridade Alimentaria e Nutrición (AESAN) e o Ministerio de Dereitos Sociais, Consumo e Axenda 2030 para falar das nosas propostas ao Proxecto de Real Decreto para o fomento dunha alimentación saudábel e sostíbel na contratación das administracións públicas e en centros de persoas dependentes ou con necesidades especiais.

Aínda que as organizacións presentes na reunión xa participaramos no proceso de consulta pública do Real Decreto para abordar o problema da calidade da alimentación en residencias, centros de día e hospitais, esta nova reunión permitiunos reiterar as cuestións centrais desta realidade, xa que o documento normativo aínda non está pechado.

Durante a reunión, insistimos na necesidade de que o Goberno estableza criterios claros para garantir unha alimentación digna e saudábel en residencias, hospitais, centros educativos e nos programas sociais como Xantar na Casa. Para isto, destacamos a importancia de establecer mecanismos de seguimento do estado nutricional das persoas usuarias e de patoloxías que poidan estar relacionadas coa alimentación. Tamén insistimos na importancia de controlar os residuos tóxicos que poidan estar presentes na comida, a prohibición do uso habitual de precociñados e a reapertura de cociñas propias. Por outra banda, falamos tamén de que para poder asegurar unha alimentación digna é preciso que se repartan os menús diariamente, con alimentos locais de tempada e ecolóxicos —co obxectivo de que este tipo de alimentos sexan un 5% de xeito inmendiato, un 25% en 2030 e un 50% a medio prazo—. Por último, esiximos a prohibición do uso de transxénicos, a adaptación das dietas ás necesidades específicas das persoas usuarias e a redución do uso de plásticos, substituíndoos por materiais seguros como vidro ou aceiro inoxidábel.


Estamos diante dunha
ocasión decisiva para mellorar a dieta das persoas máis vulnerábeis —maiores, doentes, dependentes ou crianzas— e para poñer fin a unha situación de mala calidade xeneralizada, baseada demasiadas veces en produtos ultraprocesados, recalentados e servidos en envases de plástico. Tamén, é a oportunidade de aliñar o sistema alimentario cos obxectivos do Pacto Verde Europeo e da estratexia Da Granxa á Mesa, apostando pola introdución de alimentos locais e ecolóxicos que non só coiden a saúde pública das persoas, senón tamén o medio. É, en definitiva, unha ocasión para dar pasos firmes cara á soberanía alimentaria que precisamos.

Un encontro positivo

O encontro coa AESAN e o Ministerio de Consumo foi positivo en termos xerais. As demandas presentadas foron recibidas con interese. Así mesmo valoramos a transparencia coa que explicaron aqueles asuntos que escapan das competencias destas administracións e nos que non teñen capacidade de actuación.Documento: 

O proxecto de Real Decreto inclúe obrigas concretas e avaliábeis en materia de calidade nutricional e organoléptica, con distribución mínima de grupos de alimentos, variabilidade nos menús e limitación do uso de pratos ultraprocesados. Tamén contempla estudar un programa de seguimento do estado nutricional das persoas usuarias, establecer mínimos de consumo de froitas, verduras e legumes de tempada e proximidade, e introducir progresivamente produtos ecolóxicos seguindo o modelo do decreto de comedores escolares.

No relativo ao reparto de comida, desde a AESAN estableceron que, aínda que si que se pode incluír un aumento na frecuencia, a decisión de contar con cociñas in situ ou servizos de catering excede as competencias destes organismos. A normativa terá un alcance amplo, aplicándose non só a residencias e hospitais, senón tamén a programas e centros como Xantar na Casa, centros de día ou de discapacidade. As institucións amosaron acordo coas demandas, aínda que recoñeceron que a súa aplicación será complexa pola necesidade de coordinación interministerial, comprometéndose a avanzar na medida das súas posibilidades.

Dende ASGADeD consideramos que este encontro supón un paso adiante cara a garantir unha alimentación saudábel, digna e de calidade para as persoas maiores e usuarias dos servizos asistenciais. Seguiremos traballando para que as nosas demandas se concreten en compromisos reais que melloren a vida das persoas máis vulnerábeis.

a DEPENDENCIA NON VAI DE VACACIÓNS

Desde Asgaded levamos tempo denunciando o deterioro da atención a dependencia no noso país e a aposta da Xunta de derivar cara ás axudas económicas en lugar de servizos, especialmente á prestación de coidador/a, en lugar de dotar presupostariamente o Servizo de Atención no Fogar ou de prazas públicas residenciais suficientes. Nos últimos meses vimos este incremento, pasando de ( Evolución dos datos no cadro adxunto). A Consellería leva meses anunciando a bombo e platillo a axuda dos 5000 euros, axuda que conleva que os coidados se perpetúen a conta da vida das mulleres, que son a práctica totalidade das persoas coidadoras; axuda que moitas familias con fillos/as dependentes teñen que destinar a sufragar os gastos das terapias que os seus fillos precisan ou para cubrir necesidades básicas, porque non podemos esquecer que onde hai unha persoa dependente ou gran dependente hai unha persoa que deixa de traballar ou reduce xornada.

Este mes de agosto comprobamos unha vez máis o mal funcionamento do sistema de dependencia, dándose a situación de que a día 13 de agosto hai aínda grandes dependentes que teñen sen ingresar a súa prestación.

Sra. Conselleira a DEPENDENCIA NON VAI DE VACACIÓNS, dende Asgaded esiximos que se solucione inmediatamente esta problemática, xa está ben!!

DATOS:                                          30/06/2024                                          30/06/2025

SERV A FOGAR                                   26,16%                                                  18,84%

COIDADORES                                     19,34%                                              22,41%

CENT DIA/NOIT                                    9,31%                                                      7,03%

RESIDENCIAIS                                       7,18%                                                      5,41%

COMUNICADO DE CONDEA Á VIOLENCIA NOS DOMICILIOS DO SECTOR DE AXUDA A DOMICILIO

ASGADED DENUNCIA a situación de inseguridade que vive tanto o persoal auxiliar do servizo de axuda no fogar, como os/as traballadores/as sociais e persoal dos servizos sociais comunitarios nos distintos Concellos rurais de Galicia, cando se enfrontan a situacións como a que cubre a noticia recollida nos xornais de onte: “septuaxenario veciño de O Porriño que acaba coa vida da traballadora do servizo de axuda no fogar que atendia a súa muller ao golpeala repetidas veces cun obxecto contundente, ata acabar coa súa vida, sen que ninguén puidera axudala, existindo unha denuncia previa a un sindicato por acoso sexual do presunto homicida, sobre a situación que estaba a vivir nese domicilio”.

Queremos manifestar públicamente a nosa máis firme condea e rexeitamento ante o asasinato dunha traballadora do servizo de axuda no fogar ocurrido no día onte en O Porriño e esixir firmemente que dende as administracións públicas competentes se depuren responsabilidades, e se articulen urxentemente protocolos reais áxiles e efectivos que poidan frear de maneira inmediata ese tipo de situacións sen expoñer a un risco innecesario a unha traballadora do SAF que previamente xa está comunicando que exerce o seu traballo dun xeito inseguro.

Queremos constatar que actualmente dende os Servizos Sociais Comunitarios dos Concellos as traballadoras sociais coordinadoras destes servizos non poden suspender un servizo de axuda no fogar a unha persoa dependente prestado nun domicilio, incluso ante a comunicación de risco inminente por parte da traballadora de axuda no fogar que o presta, sen antes comunicalo de maneira oficial á Inspección de Servizos Sociais da Consellería de Política Social da Xunta de Galicia e agardar as instruccións e autorización desta.

Este protocolo de actuación non pode continuar, dado que non é efectivo e pón en risco a vida das persoas, polo que debe mudar de inmediato, ser claro e poder permitir aos técnicos que prestan o seu servizo no ámbito local, que ante unha valoración de risco, poidan articular medidas cautelares de suspensión dun servizo antes de poner en risco a vida dunha traballadora esencial.

É lamentable ter que ler noticias de acoso sexual e/ou laboral sen que poida evitarse un tráxico desenlace coma este, cando o persoal auxiliar do SAF, persoal esencial e cualificado para realizar tarefas recoñecidas nas normativas municipais, así como pola Lei de Dependencia, sexa obxecto e vítima dun sistema avocado a desaparecer se non se protexe e coida a dito persoal. É necesario actuar para evitar situacións como a que onte tivo que ser noticia, procurar contratos non fraudulentos e axeitados á categoria profesional á que pertencen , ofrecer formación regulada, así como poder asegurar a realización dos traballos de forma segura.

Este acto de violencia extrema que fixo reflexionar a todo o país tanto aos profesionais coma coma á sociedade en xeral, pón de manifiesto unha realidade que non pode seguir ignorándose: as/os traballadoras/es do sector de axuda a domicilio, auxiliares de axuda no fogar e traballadores/as sociais coordinadores/as do servizo, desenvolven as súas funcións en condicións de alta vulnerabilidade, entrando soas/os nos domicilios sen información suficiente das persoas ás que van atender, nin medidas suficientes de protección ou protocolos efectivos e que se apliquen ante posibles situaciones de risco.

Este traballo é esencial para toda a sociedade e debe poder exercerse con seguridade, respecto e dignidade. Non podemos ni debemos aceptar que as agresións, ou ameazas formen parte das nosas rutinas diarias e que a medida inmediata que se poida aplicar dende o ámbito local, que é quen pode observar e comprobar de primeira man o problema, sexa simplemente aplicar un cambio de auxiliar, agardando a que o problema se solucione só ou agardando a recepción de instruccións de instancias superiores que poden chegar tarde.Este protocolo de actuación non pode continuar.

Por todo isto, dende ASGADED exiximos a todas as partes implicadas, administracións competentes e empresas xestoras do servizo a revisión e aplicación urxente de protocolos de prevención e actuación frente a situacións de risco para as persoas traballadoras do SAF que protexan ao persoal de xeito eficaz e inmediato.

Queremos expresar o noso máis profundo pesar á familia e compañeiras/os da traballadora asasinada e a todo o colectivo de axuda no fogar da nosa comunidade, tan esencial como ás veces invisible.

Este crime non é un feito illado. A violencia non pode tolerarse e moito menos cando vai dirixida a quenes adican a sua vida a coidar dos demáis.

Non queremos minutos de silencio, exisimos medidas efectivas!!!

RECLAMAN MEDIDAS PARA MELLORAR A CALIDADE DA COMIDA QUE RECIBEN AS PERSOAS USUARIAS DO PROGRAMA “XANTAR NA CASA” da Xunta de Galicia.

O xoves, 10/07/2025, as organizacións “Plataforma “Comida digna xa” de Ortigueira, a Asociación Galega na Defensa do Sistema Público de Dependencia e Discapacidade (ASGADeD) e o Sindicato Labrego Galego realizaron unha Rolda de Prensa conxunta na que

  • Presentaron as aportacións que fixeron á Consulta Pública sobre o “Proxecto de Real Decreto para o fomento dunha alimentación saudábel e sostíbel na contratación das administracións públicas e nos centros de persoas dependentes ou con necesidades especiais” da Axencia Española de Seguridade Alimentaria e Nutrición (AESAN);

  • Algunhas persoas usuarias do programa “Xantar na Casa” da Xunta de Galicia, explicaron directamente algúns dos problemas da mala calidade da comida que están recibindo tanto na súa propia casa, como na Residencia de Ortigueira, ou nas Vivendas Comunitarias da Pontenova;

  • Explicaron cales son os son os problemas máis importantes que, desde un punto de vista dietético e de saúde dos usuarios, presenta o programa “Xantar na Casa”; e, finalmente,

  • Salientaron algúns dos cambios máis relevantes que consideran que deben facerse no programa “Xantar na Casa”.

https://www.farodevigo.es/galicia/2025/07/10/piden-acabar-mala-calidad-comida-residencias-mayores-galicia-119578304.html

https://www.diariodesantiago.es/galicia/denuncian-la-mala-calidad-de-la-comida-en-centros-publicos-y-en-el-programa-xantar-na-casa/

https://www.galiciapress.es/articulo/ultima-hora/2025-07-10/5361853-piden-medidas-acabar-mala-calidad-comida-residencias-mayores-como-no-precocinados

https://sindicatolabrego.gal/novas/mala-calidade-alimentacion-residencias-xantar-na-casa/?fbclid=IwY2xjawLd5TRleHRuA2FlbQIxMQABHq_oMghtmrEdzaMOZKzZ-AP0iqHk1YratmE0VTgksABmhrn78IYGAvZPaJJh_aem_Mu9DZgTp3alerCyjO6zv5w

https://www.ondacero.es/emisoras/galicia/coruna/noticias/reclaman-mejoras-comidas-que-sirven-mayores-centros-dia-residencias-privadas_20250710686fbafd525aa26f9a46ea98.html

 

Presentación de ASGADeD na UNED de LUGO o 12/06/2025

Presentación Pública

Asociación Galega na Defensa do Sistema Público de Dependencia e Discapacidade

ASGADeD

Demandamos un sistema público galego de atención á dependencia que aglutine todos os recursos públicos (residencias, SAF, centros de día, etc.)

As modificacións realizadas nos últimos meses pola Consellaría de Política Social e Igualdade empeoraron a situación de usuarias e profesionais

13/06/2025

Na mañá de onte tivo lugar unha rolda de prensa para presentar a Asociación Galega na Defensa do Sistema Público de Dependencia e Discapacidade (ASGADeD) na cidade de Lugo, seguida xa no serán dunha palestra informativa sobre a actual situación dos servizos de atención á dependencia e discapacidade, dando a coñecer as demandas da ASGADeD.

Ámbolos dous actos tiveron lugar nas instalacións da UNED e contaron coa intervención de Francisco Vázquez Vizoso (médico xubilado, ex-Xefe do Servizo de Medicina Preventiva do Complexo Hospitalario de Pontevedra) e Margarida Prieto Ledo (familiar e coidadora de persoa dependente).

A diferencia do que sucede co ensino ou a sanidade pública, o Servizo de Atención á Dependencia (SAAD) é un sistema feble e desestruturado”, contextualizou Francisco Vázquez. “Dende ASGADeD defendemos que a Xunta de Galicia debe pór en marcha un sistema público galego de atención á dependencia, similar ao SERGAS na sanidade pública, que aglutine todos os recursos públicos como residencias, centros de día, SAF, etc.”.

Como poñen de manifesto as abondosas denuncias de persoas usuarias e familiares, a calidade dos servizos prestados en Galicia a día de hoxe, tanto en cuestións que van dende o os coidados ou a alimentación até a propia atención sanitaria, é moi mellorábel, sendo mesmo obxecto de polémicas públicas.

As eivas na xestión administrativa deste ámbito sociosanitario exténdense mesmo ás condicións laborais das persoas traballadoras no sector da dependencia, na súa inmensa maioría mulleres, que padecen unha grave precariedade laboral e salarial. “Os baixos salarios son unha das fontes principais dos beneficios das empresas privadas que hexemonizan o sector, e están na orixe do sistemático incumprimento dos ratios de usuarios/traballador que inzan de penalidade as condicións de traballo e deterioran a calidade dos coidados prestados aos usuarios”, denunciou Vázquez.

De feito, unha ollada aos datos europeos relativos á inversión nestas políticas sociais evidencia un infrafinanciamento do SAAD a nivel do Estado español, que cun 0,8% do Produto Interior Bruto (PIB) invertido, está moi lonxe, non xa de secundar cifras de Estados de referencia nesta materia, como Suecia (3,9% do PIB) ou Dinamarca (4,5% do PIB), senón que está máis dun punto por embaixo da propia media da Unión Europea, situada nun 2%.

Dende ASGADeD alertamos de que esta situación, lonxe de reverterse, está a agravarse fondamente coas últimas modificacións realizadas pola Consellaría de Política Social e Igualdade, que desprotexen inda máis ás persoas dependentes e ás súas familias acrecentando a súa vulnerabilidade. Ademais, estas actuacións son trasladadas de xeito enganoso pola Xunta de Galicia a través dos medios de comunicación, pretendendo trasladar unha imaxe de acción positiva por parte da Administración pública que vai en dirección diametralmente oposta á realidade que viven as usuarias e traballadoras dos servizos de atención á dependencia e discapacidade.

No tema da dependencia, despois das ultimas modificacións do Goberno da Xunta, seguimos sendo a comunidade autónoma que menos solicitudes ten por persoa potencialmente dependente: un 18,57 % fronte á media estatal de 34,12%, ou a comunidades como o País Valenciá co 35,33 % ou Murcia co 35,19%”, ilustrou Margarida Prieto. “Tamén continuamos a ter máis dun ano de media en tempo para facer unha valoración, exactamente 387 días segundo datos de maio deste mesmo ano”.

Neste momento fica xa constatado que as políticas impostas pola Administración galega nos últimos meses o que teñen conseguido é un deterioro importante dos coidados das persoas, unha vez que están derivando cara as prestacións do bono coidado, en detrimento do Servizo de Axuda no Fogar (SAF), en clara redución.

A marzo de 2024 o SAF contaba con 25.392 usuarias/os, o 27% das solicitantes de axuda á dependencia; a maio do 2025, este número reduciuse a 23.569, é dicir, 1.823 menos en apenas un ano, o que supón unha baixada até o 19,77 %. Increméntase, pola contra, o Bono Coidado, é dicir, unha opción de carácter asistencialista que, por unha banda obvia a pertinencia de que unha atención de calidade á dependencia e discapacidade debe ser realizada por persoas con formación profesional específica e, por outra, carga a responsabilidade destes coidados maioritariamente nas mulleres das familias. Así, das 17.754 persoas -un 19,51% das solicitantes de axuda á dependencia- que a marzo do 2024 estaban sendo atendidas por familiares, pasamos ás 26.041 -21,84% das solicitantes- de maio deste ano.

Fronte a esta realidade, tanto Francisco Vázquez como Margarida Prieto fixeron fincapé na importancia de que tanto as persoas e profesionais afectadas, así como a sociedade no seu conxunto, sexamos quen de organizármonos para xuntas ser capaces de frear esta desfeita.

Dende ASGADeD defendemos a necesidade imperiosa de erguer o 4º Piar do Estado de Benestar: un potente Sistema de Servizos Sociais dirixidos ás persoas dependentes e discapacitados, así como tamén á infancia, á marxinación social… E que este estea baseado no dereito subxectivo e, polo tanto, directamente recorríbel nos tribunais da xustiza no caso de ser denegado.

As políticas de benestar deben ser de carácter universal, accesíbeis a todas as persoas polo feito de ser cidadáns; suficientes, sen que resulte imperiosa a necesidade de recorrer a persoas da familia; e de calidade, no que as persoas dependentes sexan atendidos con dignidade. A loita e a mobilización social será o elemento central que nos permitirá conseguilo. Somos quen de dar batallas exitosas na defensa do Estado de Benestar.

Grazas pola atención

Os datos demostran que as últimas propostas da Xunta de Galiza en discapacidade e dependencia son incoherentes e poden prexudicar ás persoas usuarias.

  • ASGADeD detecta, e presenta exemplos, de múltiples irregularidades no novo procedemento de valoración conxunta e simplificada da dependencia e discapacidade na Galiza que prexudican gravemente ás persoas usuarias e traballadoras

  • Solicitámoslle á Consellaría de Política Social e Igualdade a retirada inmediata do chamado proceso simplificado de valoración da dependencia e discapacidade, así como o incremento en persoal e medios dos servizos públicos responsábeis das valoracións.

Compostela, 12 de Maio 2025.

ASGADeD vén de analizar en profundidade o novo procedemento de valoración conxunta e simplificada da dependencia e discapacidade en Galicia, detectando que numerosas modificacións introducidas no mesmo son prexudiciais tanto para as persoas usuarias como para as traballadoras, nun procedemento que máis que de simplificado debería ser cualificado de simplista, e que no fondo non é senón unha operación de propaganda para ocultar a mala xestión que das listas de agarda está facendo a Xunta de Galiza.

  1. En primeiro termo debemos destacar a INSEGURIDADE XURÍDICA para persoas usuarias e traballadoras provocada por las modificacións do procedemento, ao xerar múltiples contradicións entre a normativa marco base estatal e a nova regulamentación autonómica, chegando a cuestións moi graves, como limitar os dereitos das persoas solicitantes ao restrinxir a valoración presencial e xerar desigualdade para persoas usuarias e traballadoras, dado o diferente grao de implantación e diferente interpretación na aplicación do procedemento nas diferentes Delegacións territoriais, así como por xerar a necesidade de acudir a servizos de xestoría ou avogacía para a realización dos trámites.

  2. Seguidamente cómpre abordar a cuestión central, é dicir, o EMPEORAMENTO DA CALIDADE DAS VALORACIÓNS:

  1. A calidade das valoracións está reducíndose pola restrición da valoración presencial, debido á habitual falta de información detallada axeitada, pois a nova normativa imposibilita unha aplicación rigorosa dos baremos, tanto o médico-psicolóxico (marcadamente en dominios fundamentais como o do autocoidado e o da mobilidade) como o social (xa que o ISU, Informe Social Unificado, de existir, non achega a información necesaria). A imposibilidade de aplicación rigorosa dos baremos está impedindo que se adecúen á realidade e a situación da persoa avaliada, podendo supoñer incluso no caso da valoración telefónica un risco de suplantación de identidades. Existen casos nos que os propios profesionais fan constar nos expedientes as limitacións para a correcta valoración que lles supón a obriga de valorar por informes en contra do seu criterio técnico.

  2. A supresión do Informe de Condicións de Saúde vai reducir a calidade da valoración pois, a efectos prácticos, está recaendo nas persoas técnicas a revisión por sistema de todo o historial clínico para obter información suficiente das persoas solicitantes, supoñendo paralelamente un aumento exponencial da carga de traballo.

  3. O novo sistema de homologacións supón tamén unha perda de calidade pois se trata dunha homoxeneización sen base técnica nin correspondencia coa realidade de situacións moi dispares e que, ademais, non valora cuestións moi importantes, como as necesidades de autocoidado e a condición de mobilidade reducida.

  4. A participación de persoal non especializado tecnicamente no procedemento de valoración, vai tamén reducir a calidade da valoración, ao permitir que esta función a realice persoal dos sistemas sanitario e social comunitarios, sen a axeitada formación para unha labor tan técnica e diferenciada e que están xa sobrecargados de maneira estrutural.

  5. O aumento de carga de traballo que supón o sistema de “produtividade”, co incremento de horas traballadas e/ou da velocidade das valoracións, senta tamén as bases para reducir a calidade da valoración.

  1. A estas negativas consecuencias temos que engadir tamén o RETRASO NA VALORACIÓN DE PERSOAS EN IDADE ESCOLAR, prexudicadas directas por retirarlles a condición prioritaria ao rango de 4 a 18 anos, E EN IDADE LABORAL, prexudicadas indirectas (ao igual que tamén as escolares, que son dobremente prexudicadas) do aumento da cota de persoas prioritarias por idade avanzada, ao darlle condición prioritaria tamén ás persoas de 80 a 89 anos. Ambos colectivos polo tanto tardan máis en beneficiarse de contar co recoñecemento da discapacidade a nivel escolar e laboral, co efecto negativo que supón para a súa inclusión e tamén para a súa evolución.

  2. A FALTA DE EFICIENCIA REAL e tamén unha característica do novo procedemento, xa que a aceleración da que presume a Consellería con “milleiros de valoracións realizadas en tempo récord” ven derivada dunha parte opaca do novo procedemento, non publicada no DOG e que só figura nas Instrucións aos traballadores, que establece a valoración por informes como a norma xeral para as solicitudes presentades antes do 1 de Xaneiro de 2025, antes da entrada en vigor do novo procedemento, profundando así aínda máis na inseguridade xurídica e desigualdade para traballadores e solicitantes. Paralelamente, en demasiadas ocasións as persoas ás que se pretende valorar por informes, ou ás se lles aplica a homologación, rematan sendo avaliadas presencialmente polos equipos, por falta de información e/ou desacordo coa homologación, e polo tanto non resulta nunha redución efectiva das listas de agarda, senón que engade demoras. Ademais, a nivel administrativo xéranse novos trámites de solicitude de información complementaria que aumentan a sobrecarga dos servizos e supoñen máis demora na tramitación do expedientes.

  1. Outra característica do novo procedemento é que ocasiona INCOMPRENSIÓN DO SISTEMA DE VALORACIÓN por parte das persoas usuarias, polo incumprimento do procedemento, como en casos nos que se está realizando antes a valoración de discapacidade que a de dependencia en contra do regulamentado, ou nos casos en que que a grandes dependentes non se lles valora por homologación a mobilidade reducida, chegando a ter que ser citados presencialmente para tal fin por falta de información. Ademais, a exclusión dos servizos sociais comunitarios da presentación das solicitudes implica para os cidadáns carecer do necesario asesoramento sobre os seus dereitos.

  1. Todo isto vai provocar un EMPEORAMENTO DAS CONDICIÓNS LABORAIS DAS PERSOAS TRABALLADORAS das equipas de valoración, polo aumento da carga de traballo, pola interferencia de cargos administrativos en cuestións técnicas e polas presións para a participación no sistema de produtividade. Ao tempo, poténciase a percepción, por unha parte da cidadanía, de que o elevado tempo de agarda para as valoracións débese ao baixo rendemento do persoal técnico, como consecuencia de que a Administración está difundir, a través dos medios de comunicación, a idea de que se van a reducir as listas de agarda, cando menos en parte, mediante remuneracións complementarias.

  1. E coma sempre que as políticas neoliberais depauperan a calidade dun servizo público, as modificacións realizadas abren a posibilidade de PRIVATIZACIÓN DA XESTIÓN DE PARTE DO PROCEDEMENTO, tanto coa posible intervención das mutualidades na emisión de informes de saúde como pola necesidade xerada aos cidadáns de acudir a servizos de xestoría ou avogacía de pago ao trasladar sobre eles parte da carga administrativa.

Por todo o exposto, a Asociación Galega na Defensa do Sistema Público de Dependencia e Discapacidade (ASGADeD) reclámalle, á Consellaría de Política Social e Igualdade da Xunta de Galicia, a retirada inmediata do procedemento simplificado, mantendo en todo caso a determinación dos criterios de gravidade para as tramitacións prioritarias, a única das modificacións que se axusta ao marco legal vixente.

Reiteramos que so hai unha vía para garantir medidas de apoio ás persoas dependentes ou con discapacidade e para superar a cronificación das listas de agarda galegas: dotar de máis persoal e medios aos servizos públicos responsábeis das valoracións da dependencia e da discapacidade.

Para os mais interesados no tema, podedes ver e descargar o Informe Técnico sobre o novo procedemento de valoración da discapacidade e dependencia: INFORME TECNICO SOBRE O NOVO PROCEDEMENTO DE VALORACION DA DISCAPACIDADE E DEPENDENCIA

Notas de Prensa:

La Voz de Galicia: https://www.lavozdegalicia.es/noticia/galicia/2025/05/12/afectados-familiares-afirman-procedimiento-unificar-discapacidad-dependencia-empeorado-situacion/00031747050861462474652.htm

Europapress: https://www.europapress.es/galicia/noticia-afectados-familiares-tachan-chapuza-valoracion-conjunta-dependencia-discapacidad-piden-derogarla-20250512135106.html7

ABC: https://www.abc.es/sociedad/afectados-familiares-tachan-chapuza-valoracion-conjunta-dependgaliciaencia-20250512135721-vi_amp.html?next-page

Xornal Galicia: https://xornalgalicia.com/actualidad/son-noticia/asgaded-detecta-e-presenta-exemplos-de-multiples-irregularidades-na-dependencia-da-xunta-gobernada-por-o-pp

Galicia Press: https://www.galiciapress.es/articulo/ultima-hora/2025-05-12/5286827-afectados-familiares-tachan-chapuza-valoracion-conjunta-dependencia-discapacidad-piden-derogarla

Galicia Confidencial: https://www.galiciaconfidencial.com/noticia/293567-penurias-falta-persoal-residencia-maiores-castro-ribeiras-lea?utm_source=dlvr.it&utm_medium=facebook

La Verdad: https://www.laverdad.es/sociedad/afectados-familiares-tachan-chapuza-valoracion-conjunta-dependencia-20250512115520-vi.html

Nota de Prensa SOBRE AS DECLARACIÓNS DO PRESIDENTE DA XUNTA RELATIVAS Á CONSTRUCIÓN DE 24 NOVAS RESIDENCIAS DE MAIORES

24/04/2025

Este mércores 23 de abril, o presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, anunciou no Parlamento galego que ao longo da presente lexislatura se porá en marcha un plan para construír 24 novas residencias en concellos de menos de 50.000 habitantes. Esta iniciativa suporá un incremento de 1.800 prazas residenciais na rede pública galega de servizos sociais.

Aínda que se trata dun anuncio relevante, a información dispoñible na actualidade resulta insuficiente para realizar unha valoración global da medida. Será preciso agardar a que a Xunta concrete e detalle as liñas mestras do Plan para poder emitir unha análise máis completa.

Tendo en conta estas limitacións, desde ASGADeD formúlase a seguinte valoración provisional sobre o anuncio:

a) A creación de novas prazas residenciais é unha boa nova, dada a escaseza actual. Segundo datos do IMSERSO de decembro de 2023, o índice de cobertura en Galicia é de 3,33 prazas por cada 100 persoas maiores de 65 anos, lonxe da media estatal (4,2) e da dos países da OCDE (5). Este déficit explica que, haxa, segundo a Xunta, 1.615 persoas maiores en situación de dependencia en lista de agarda para acceder a unha praza pública, segundo se publicou en prensa no mes de decembro. Porén, o plan para crear 1.800 novas prazas resulta claramente insuficiente, xa que, segundo estimacións de 2023, serían necesarias 13.000 prazas adicionais para acadar os niveis da OCDE1.

b) É positivo que se aposte por crear residencias en concellos de menos de 50.000 habitantes, xa que o anterior anuncio da construción de centros financiados pola Fundación Amancio Ortega nas sete cidades galegas xeraba un agravio

comparativo coas vilas e municipios máis pequenos. Esta medida axuda a equilibrar o mapa de atención residencial no territorio.

c) Valórase favorablemente que o tamaño medio previsto para os centros sexa de 75 prazas, xa que se axusta aos criterios recollidos na Resolución do 28 de xullo de 20221 e facilita unha atención máis personalizada e centrada na persoa.

d) A decisión de organizar os centros en unidades de convivencia de 25 prazas resulta pouco axeitada, xa que se trata dun tamaño excesivo que dificulta a personalización da atención e a creación dun ambiente caseiro. Para garantir unha atención centrada na persoa, a Xunta debería seguir os criterios mínimos establecidos na Resolución do 28 de xullo de 2022, que indica que as residencias de nova construción se estruturen en unidades de convivencia de, como máximo, 15 persoas usuarias. Como referencia en Finlandia son dun máximo de 12 persoas.

e) Cómpre que a Xunta clarifique tanto os criterios que vai empregar para decidir a localización das novas residencias, pois a transparencia neste proceso é clave para garantir a equidade territorial e a cobertura das zonas con maior demanda, así como a contía e orixe dos recursos económicos que ten intención de dedicar a construílas

f) O anuncio non especifica o modelo de titularidade nin de xestión, nin de provisión, dos centros previstos. A Xunta limítase a indicar que desenvolverá un plan de construción ao longo da lexislatura, sen concretar se as residencias serán de titularidade pública ou privada, nin se serán xestionadas de maneira directa ou indirecta pola propia Xunta.

Neste sentido, é relevante lembrar precedentes como o Plan de Atención Galego ás Persoas Maiores 2001-2006, no que a Xunta asinou un convenio co IGAPE para subvencionar a construción de 20 residencias privadas de máis de 150 prazas, condicionando a recepción da subvencións a que arredor do 40% das prazas de cada centro fosen concertadas coa Xunta2. Tendo en conta esta experiencia, resulta esencial que a Xunta aclare se as novas residencias serán públicas ou privadas, e en caso de seren públicas, se a súa xestión será directa (por parte da administración) ou externalizada a entidades privadas, como aconteceu coas residencias promovidas pola Fundación Amancio Ortega.

g) As novas residencias que a Xunta di que vai crear, deben ser, en opinión de ASGADeD, de titularidade, xestión e provisión 100% públicas, para que podan cumprir con eficacia e eficiencia o seu papel e dar servizo a poboación galega e reducir as importantes listas de espera que existen para conseguir unha praza nunha residencia pública

1- Ver este estudo ao respecto: https://dialnet.unirioja.es/servlet/articulo?codigo=9164557

Tamén: https://www.galiciapress.es/articulo/sanidad/2025-01-22/5146905-galicia-enfrenta-crisis-residencias-mayores-falta-plazas-altos-costos-largas-listas-espera2

2- Resolución de 28 de julio de 2022, de la Secretaría de Estado de Derechos Sociales, por la que se publica el Acuerdo del Consejo Territorial de Servicios Sociales y del Sistema para la Autonomía y Atención a la Dependencia, sobre criterios comunes de acreditación y calidad de los centros y servicios del Sistema para la Autonomía y Atención a la Dependencia.

Un balance positivo da xestión da dependencia na Galiza?

23/04/2025

Dende a Asociación en Defensa do Sistema Público de Dependencia e Discapacidade (ASGADeD) reclamamos que se garanta o dereito das persoas en situación de dependencia a acceder ás prestacións e servizos previstos na Lei de Dependencia, a desfrutar de todos os dereitos humanos, así como ao pleno respecto da súa dignidade e intimidade.

Estes días, no transcurso do acto institucional celebrado pola Xunta na Cidade da Cultura en compañía do seu executivo, o presidente Alfonso Rueda facía un balance positivo deste ano de goberno con respecto ás políticas de atención á dependencia, e en especial de medidas como o bono coidado no fogar ou dos coidados nas residencias de maiores e de persoas dependentes.

Desde ASGADeD queremos salientar en primeiro lugar que a utilización das persoas beneficiarias das axudas sociais e a exposición pública das súas circunstancias persoais e familiares como se fixo no antedito acto resulta totalmente inapropiada e mesmo atenta contra a súa dignidade. Todas as persoas, en particular as máis vulnerables, teñen o dereito a recibir os servizos e coidados apropiados, e o feito de que a Xunta pretenda enaltecer un sistema con enormes carencias utilizando as emocións das persoas dependentes e das súa familias apela máis un sistema de caridade propio doutras épocas que de dereito, o cal resulta inxustificable.

Os datos demostran que o balance non é positivo. Segundo as estatísticas oficiais do IMSERSO do mes de febreiro de 2025 seguimos sendo a CCAA na que se presentan menos solicitudes de dependencia por persoa potencialmente dependente, 17,67 persoas por cada 100 (pasamos de 17,81 no 2024 a 17,67 no 2025). A media de solicitudes a nivel estatal sería do 33,42% e en comunidades como Andalucía do 39,95%.

No balance destes once meses do goberno de Alfonso Rueda obsérvase como hai unha redución nas prestacións do SAF (Servizo de Axuda no Fogar) e un incremento das axudas para coidadores familiares (Bono Coidado no Fogar), precarizando o servizo de atención ás persoas dependentes e incrementando as dificultades das mulleres, principais coidadoras familiares, que rexistran as taxas máis elevadas de enfermidades derivadas da sobrecarga física e mental de coidados que implican estar alerta en moitos casos 24 horas os 365 días sen descanso. No ano 2024 había 25.506 persoas beneficiarias de coidados profesionais do Servizo de Atención no Fogar SAF (28,37%) fronte a 24.373 no 2025 (22,68%). Pola contra, no ano 2024 había 17.600 persoas beneficiadas do bono coidado familiar, fronte a 21.681 no 2025. En contra do recomendado na Lei de Dependencia, a xunta aposta pola potenciación dos coidados non profesionais.

Desde ASGADeD consideramos cando menos un exceso de triunfalismo do presidente Alfonso Rueda presentar unha axuda de 416 euros ao mes como un recurso que garante os coidados profesionais e de calidade necesarios para unha persoa que os precisa 24 horas ao día, ou os medios de vida axeitados e condicións mínimas para as persoas coidadoras.

A falta de recursos e unha xestión ineficaz son ademais a causa de retrasos con efectos moi graves tanto para as persoas dependentes como para as súas familias, superando a agarda media para acceder ás prestacións da Lei de Dependencia os 16 meses e medio, e chegando nos expedientes de valoración de discapacidade, como na provincia de Lugo, aos 3 anos de espera. O tempo medio das resolucións realizadas entre o 1 de marzo de 2024 e o 28 de febreiro de 2025 foi en Galicia de 388 días, o que contrasta con outros lugares como Castela León por exemplo, no que o tempo medio foi de 116 días, 125 días no País Vasco, 182 días en Aragón…

Moitas persoas dependentes seguen a falecer sen que poidan acceder ás axudas previstas na Lei de Dependencia, e moitas quedan sen os dereitos que lles pertencen, por exemplo debido ás enormes demoras para resolver as solicitudes de modificación dos programas individuais de atención (PIA), cando hai un agravamento da situación da persoa dependente ou precisa un cambio no recurso ou servizo de atención.

A situación das residencias para persoas dependentes é hoxe mesmo peor ca no 2020, antes da crise de Covid-19, posto que neste período incrementáronse as privatizacións dos servizos, non se puxo en marcha ningunha residencia de xestión pública da Xunta, os centros están máis deteriorados, baixouse a ratio de persoal traballador, eliminouse a obrigatoriedade do persoal de enfermería as 24 horas nas residencias de máis de 40 prazas, incorporáronse pacientes con problemas psiquiátricos sen os recursos axeitados para atendelos nas residencias de maiores, e en xeral deterioráronse os coidados das persoas dependentes, tanto no que se refire as pautas de tratamentos médicos, a calidade da alimentación, a hixiene e a limpeza, ou as condicións do persoal que traballa nas residencias.

Dende ASGADeD seguimos a traballar na defensa dos intereses e calidade dos coidados prestados ás persoas usuarias con discapacidade e/ou dependencia, e fortalecendo as redes de persoas usuarias, familiares e profesionais que loitan por un sistema de atención á dependencia público de calidade.

ASGADeD apoia as mobilizacións sindicais destes meses de abril e maio, por unhas condicións de traballo dignas nas residencias e centros de día

Dende a Asociación en Defensa do Sistema Público da Dependencia e Discapacidade (ASGADeD),queremos amosar o noso apoio e solidariedade coas traballadoras e traballadores das residencias privadas e os centros de día que están a loitar pola mellora das súas condicións salariais e laborais. A nosa Asociación, que ten a súa principal razón de ser na defensa dos intereses e a calidade dos coidados prestados ás persoas usuarias con discapacidade e/ou dependencia, solidarízase e apoia estas loitas sindicais porque somos plenamente conscientes da íntima relación que existe entre a calidade da atención aos usuarios e usuarias e o feito de que o persoal que traballa nas residencias e nos centros de día teña unhas condicións salariais e laborais dignas.

A actual precariedade salarial e laboral das persoas que traballan na dependencia é un rechamante aspecto do sistema galego de dependencia, que está caracterizado por uns salarios moi baixos e unhas cargas de traballo moi elevadas debido a uns ratios de persoal, por persoa usuaria, baixísimos e sen actualizar desde hai moitos anos. Mentres, a Consellería de Política Social da Xunta de Galicia “deixa facer” as empresas do sector e limítase a actuar como un mero “esponsor” que lles transfire recursos públicos a esas empresas.

Existe unha clara relación entre os ratios de persoal das residencias e a calidade dos coidados prestados aos seus usuarios e usuarias. O tempo que se dedica a cada persoa é o principal, non o único mais si o máis importante, determinante da calidade da atención prestada aos usuarios da dependencia, e a realidade é que o persoal coidador sempre vai ás carreiras debido a que teñen que atender a demasiados usuarios en pouco tempo. A alta prevalencia de infeccións urinarias ou de úlceras por presión que se dan nas residencias galegas (o estado español ten as cifras máis altas dos países da OCDE), está claramente asociada a que non é materialmente posíbel cambiar os cueiros ou mobilizar aos pacientes coa frecuencia que sería necesario. A deshidratación e a desnutrición que afecta con demasiada frecuencia a un bo número de usuarios das residencias, ten entre as súas causas a dificultade de dedicarlles aos pacientes que as sofren o tempo de coidados que precisan. E o abuso do uso de suxeicións químicas e incluso físicas que seguen existindo nalgunhas residencias ten entre as súas causas máis relevantes a escaseza de persoal, que dificulta realizar o número de actos de coidados que se terían que realizar sen o recurso a esas suxeicións.

Por outra banda a precariedade salarial e das condicións de traballo nas residencias, son as causas principais da inestabilidade dos cadros de persoal nas residencias. A xente fuxe dun traballo esgotador, e que moi frecuentemente acaba causando problemas físicos serios a medio e longo prazo, e que por riba está moi mal pagado. A administración e as empresas privadas, con ou sen ánimo de lucro, argumentan que é moi difícil topar persoas que queiran traballar nas residencias, mais o que non din é que a causa fundamental de que isto ocorra é que as condicións salariais e laborais que ofertan son dunha alta precariedade.

Por todo isto, ASGADeD apoia e solidarízase cos mobilizacións sindicais convocadas, durante os meses de abril e maio, en defensa dun convenio xusto para o persoal das residencias privadas e centros de día.

16/04/2025