ASGADeD

Comunicado de Apoio ás mobilizacións que están desenvolvendo o persoal e usuarios da Residencia “Volta do Castro” de Santiago para defenderse da “psiquiatrización” da súa residencia por parte da Xunta.

11/03/2025

Dende  a Asociación en Defensa do Sistema Público da Dependencia e Discapacidade (ASGADeD) queremos amosar o noso apoio e solidariedade co persoal, familiares e usuarios da residencia pública “Volta do Castro” de Compostela, que están a levar a cabo mobilizacións de protesta (denuncias aos medios de comunicación, concentracións, recollida de sinaturas ou andainas ou “peregrinacións”…) de denuncia do que denominan “psiquiatrización” da súa residencia.

A Xunta actúa temerariamente ao meter en residencias de maiores a un tipo de pacientes para os que non están preparadas: persoas con menos de 65 anos con patoloxías psiquiátricas ou adiccións, e fano  sen ter ningún plan específico para uns pacientes con necesidades especiais, pois o seu correcto coidado é diferente do habitual nunha residencia de maiores; este tipo de pacientes ocupan máis tempo de atención e requiren máis recursos e persoal formado e especializado nas doenzas que os caracterizan e, ademais e con certa frecuencia, presentan crises para as que a Xunta non aporta protocolos de actuación.

Segundo informan traballadoras da residencia, actualmente o 75% dos ingresos son psiquiátricos ou de adiccións, e a falla de persoal e de preparación para esas doenzas, xunto co feito de que os outros usuarios son persoas maiores e fráxiles, crea cada vez máis inseguridade e sobrecarga de traballo, incluso agresións entre internos e algúns roubos. A xunta só deu un cursiño de «seis horas para o equipo médico e as enfermeiras, e para as auxiliares, una formación online» isto é unha mostra da pequenísima importancia que a Xunta lle dá a este problema.

Lembramos que a residencia “Volta do Castro”, foi a primeira en completar a transformación tecnolóxica, que a Consellería de Política Social di estar promovendo no ámbito sociosanitario, para alegría das empresas tecnolóxicas e como practicamente única estratexia para mellorar a calidade das residencias. Os problemas de escaseza do persoal ou das escasísimas prazas existentes nas residencias públicas non parecen preocuparlle tanto.

O problema tamén se presenta noutras residencias, por exemplo no CRAP de Vigo, mais é na residencia “Volta do Castro” onde as traballadoras e traballadores, e tamén algúns familiares e usuarios, estanse opoñendo dun xeito activo a esa política de “psiquiatrización” da súa residencia que está provocando un deterioro da calidade dos coidados que se prestan nela.

A calidade da atención nas residencias galegas empeorou despois da pandemia de COVID e cada vez hai menos medios e recursos; na súa ultima ocorrencia a Xunta recortou a presenza de persoal de enfermería mentres que, ao mesmo tempo, está a ingresar nas residencias públicas a xente que, cando non está atendida por persoal especializado e suficiente, pode alterarse, volverse agresiva, ou ter condutas antisociais.

Fabiola García actúa con hipocrisía cando dí que a estes pacientes failles falta “empatía e humanidade” e que “esa xente ten que estar nalgunha parte”. Certo, estes pacientes teñen que estar nalgún sitio, mais as residencias de maiores non é o sitio máis adecuado para que estean. E é a súa responsabilidade, como Conselleira de Política Social, garantir que estean en centros axeitados, dotados dos recursos e do persoal especializado que exixe a súa correcta atención. A conselleira, ou non se enteira de todo o sufrimento que ocasionan as súas ocorrencias ou é extremadamente inhumana

Comunicado sobre a desaparición da presenza de enfermeiras na quenda de noite na Residencia Castro Ribeiras de Lea (Castro de Rei).

E DICÍAN QUE NON ERAN RECORTES.

22 de xaneiro de 2025

A desaparición da presenza de enfermeiras na quenda de noite na Residencia Castro Ribeiras de Lea (Castro de Rei) demostra que, como denunciamos desde ASGADeD, a Orde da Consellería de Política Social de 4 de decembro de 2024, estaba a sentar a base para novos recortes do persoal das residencias.

Dende a ASGADeD (Asociación Galega pola Defensa do Sistema Público de Atención á Dependencia e Discapacidade) denunciamos hai unhas semanas que a Consellería de Política Social publicou no DOG do venres 13 de decembro a Orde do 4 de decembro de 2024, que modifica a Orde do 18 de abril de 1996 e que suprime a obriga de ter enfermeira 24 horas para residencias de mais de 40 prazas (5 enfermeiras contratadas como mínimo). Un feito gravísimo con consecuencias directas para a saúde das usuarias de residencias que incluso pode comprometer as posibilidades de supervivencia nos casos de urxencias vitais que precisen coidados especializados.

Pois ben, xa estamos a sufrir a primeira consecuencia: a dirección da residencia de Castro Ribeiras de Lea (Lugo), un centro de titularidade pública mais de xestión privada pola empresa SK Senior, con 172 prazas para persoas dependentes decidiu unilateralmente suprimir o persoal de enfermería na quenda de noite, ficando só ao persoal xerocultor na quenda de noite. Si se produce unha urxencia nesa quenda, serán as xerocultoras as responsables da primeira atención, decidir as derivacións hospitalarias, chamar ó 061, etc., polo que mentres fan esas funcións para as que non teñen a formación específica, quedan as demais usuarias sen atender, retrasando o traballo nocturno habitual (cambios de cueiros, inxesta de suplementos, rondas, etc.). Non queremos pensar no que pasaría si se producen varias urxencias na mesma quenda.

A seguinte consecuencia será que non se van cubrir as vacacións, IT, permisos por garda legal e calquera outra circunstancia das enfermeiras. Tampouco se contratará persoal para cubrir vacantes e as poucas que queden en cada centro estarán tan sobrepasadas e saturadas que se marcharán a outros sectores buscando mellores condicións laborais, polo que aínda será mais difícil atopar persoal. Todo para xustificar a máxima das empresas privadas: “non atopamos persoal”.

Como denunciamos con anterioridade esta Orde só beneficia ás empresas propietarias e/ou xestoras de residencias (a maioría pertencentes a grandes corporacións con capital procedente de fondos de investimento ou a empresas de construción) e prexudica gravemente ás usuarias, a súas familias e ao persoal que traballa nos centros, con medios cada vez mais precarios.

Á Consellería de Política Social non lle chega con desmontar o sistema público de dependencia privatizando as unidades, servizos e centros públicos para encher as arcas dos empresarios, con estas medidas buscan volver a un sistema de asilos mais propio do século XIX-XX, cun desprezo total cara a aquelas persoas que sofren dependencia ou discapacidade, as súas familias, as traballadoras e a sociedade en xeral.

Desde a ASGADeD solidarizámonos coas persoas usuarias da Residencia de Castro de Ribeiras de Lea, e as súas familias, que verán reducirse a calidade da atención que se lles presta coa desaparición da quenda de noite de enfermaría, así como aínda como coas traballadoras da Residencias que verán aínda mais precarizadas as súas condicións de traballo como consecuencia do novo recorte que vai aplicar a Dirección da Residencia en aplicación do recorte promovido pola Consellería de Política Social.