Dende a Asociación en Defensa do Sistema Público da Dependencia e Discapacidade (ASGADeD),queremos amosar o noso apoio e solidariedade coas traballadoras e traballadores das residencias privadas e os centros de día que están a loitar pola mellora das súas condicións salariais e laborais. A nosa Asociación, que ten a súa principal razón de ser na defensa dos intereses e a calidade dos coidados prestados ás persoas usuarias con discapacidade e/ou dependencia, solidarízase e apoia estas loitas sindicais porque somos plenamente conscientes da íntima relación que existe entre a calidade da atención aos usuarios e usuarias e o feito de que o persoal que traballa nas residencias e nos centros de día teña unhas condicións salariais e laborais dignas.
A actual precariedade salarial e laboral das persoas que traballan na dependencia é un rechamante aspecto do sistema galego de dependencia, que está caracterizado por uns salarios moi baixos e unhas cargas de traballo moi elevadas debido a uns ratios de persoal, por persoa usuaria, baixísimos e sen actualizar desde hai moitos anos. Mentres, a Consellería de Política Social da Xunta de Galicia “deixa facer” as empresas do sector e limítase a actuar como un mero “esponsor” que lles transfire recursos públicos a esas empresas.
Existe unha clara relación entre os ratios de persoal das residencias e a calidade dos coidados prestados aos seus usuarios e usuarias. O tempo que se dedica a cada persoa é o principal, non o único mais si o máis importante, determinante da calidade da atención prestada aos usuarios da dependencia, e a realidade é que o persoal coidador sempre vai ás carreiras debido a que teñen que atender a demasiados usuarios en pouco tempo. A alta prevalencia de infeccións urinarias ou de úlceras por presión que se dan nas residencias galegas (o estado español ten as cifras máis altas dos países da OCDE), está claramente asociada a que non é materialmente posíbel cambiar os cueiros ou mobilizar aos pacientes coa frecuencia que sería necesario. A deshidratación e a desnutrición que afecta con demasiada frecuencia a un bo número de usuarios das residencias, ten entre as súas causas a dificultade de dedicarlles aos pacientes que as sofren o tempo de coidados que precisan. E o abuso do uso de suxeicións químicas e incluso físicas que seguen existindo nalgunhas residencias ten entre as súas causas máis relevantes a escaseza de persoal, que dificulta realizar o número de actos de coidados que se terían que realizar sen o recurso a esas suxeicións.
Por outra banda a precariedade salarial e das condicións de traballo nas residencias, son as causas principais da inestabilidade dos cadros de persoal nas residencias. A xente fuxe dun traballo esgotador, e que moi frecuentemente acaba causando problemas físicos serios a medio e longo prazo, e que por riba está moi mal pagado. A administración e as empresas privadas, con ou sen ánimo de lucro, argumentan que é moi difícil topar persoas que queiran traballar nas residencias, mais o que non din é que a causa fundamental de que isto ocorra é que as condicións salariais e laborais que ofertan son dunha alta precariedade.
Por todo isto, ASGADeD apoia e solidarízase cos mobilizacións sindicais convocadas, durante os meses de abril e maio, en defensa dun convenio xusto para o persoal das residencias privadas e centros de día.
16/04/2025