Presentación Pública do Grupo Promotor da ASGADeD en rolda de prensa.

Presentación Pública do

Grupo Promotor da ASGADeD

(Asociación Galega en na Defensa do Sistema Público de Dependencia e Discapacidade)

14/01/2025

Somos un grupo de persoas, de diversas contornas sociais e profesionais, preocupadas pola situación actual dos servicios públicos da dependencia na Galiza.

Partillamos unha visión desa situación caracterizada, por unha banda, pola aposta clara da Xunta de Galiza de converter o Sistema Público Galego de Dependencia, definido na Lei de Dependencia 39/2006, nun Sistema de Beneficencia “Low Cost”, en aberta oposición ao definido nesa mesma lei. Síntomas claros desa estratexia de promover un sistema de dependencia de baixo custe, de aposta polos servizos e prestacións mais baratos, son os seguintes:

– a importancia cada vez menor que se lle da ao SAF (Servizo de Atención no Fogar),

– o forte incremento que se lle está dando ao recurso á PECEF (Prestación Económica de Coidados no Entorno Familiar), unha prestación que a propia Lei de Dependencia establece como de carácter excepcional e que sen embargo hoxe medra cada vez máis, malia a forte discriminación de xénero que perpetúa a súa existencia.

– a enorme escaseza de residencias públicas no País, especialmente grave na metade occidental de Galicia onde a última residencia pública foi creada no ano 2007 (Volta do Castro, Santiago). A escaseza de residencias públicas está obrigando a moitos dependentes que non poden pagar as disparatadas cifras esixidas polas residencias privadas (máis de 3.000€/mes, nas residencias de Vigo), a desprazarse a residencias situadas a centos de quilómetros da súa residencia.

Un outro aspecto central que tamén caracteriza a situación actual dos servizos públicos da dependencia en Galiza, é a posición da Xunta de favorecer dun xeito descarado a privatización do sistema da dependencia, de xeito que o principal papel que está a xogar a Xunta é o de canalizar os recursos públicos da dependencia cara as empresas privadas da dependencia que, nunha moi alta proporción de casos, pertencen realmente a Fondos de Investimento (“fondos voitre”) estranxeiros que teñen coma principal obxectivo, non o correcto coidado dos dependentes, senón a maximización de beneficios.

Para as persoas en situación de dependencia, as consecuencias prácticas das opcións que ten tomado a Xunta de Galiza, é que teñen que soportar un sistema de dependencia carísimo para o usuario, cunha a calidade dos coidados, como regra xeral, claramente mellorábel, e abertamente precarizado en recursos e en persoal; situación esta moi relacionada coa importante infrafinanciación do sistema, pois o estado español só dedica aos servizos sociais o 0,8% do seu PIB, mentres que a media da Unión Europea é do 1,6% e a os Paises Nórdicos chegan a cifras que supera o 3%.

A ASGADeD nace coa intención de contribuír a modificar a realidade antes descrita. Tratamos de avanzar na construción dun forte movemento social amplo, plural e transversal, que mobilice á sociedade galega e lles exixa ás administracións públicas (sobre todo á autonómica e á estatal, mais tamén á municipal), un compromiso real para conseguir a creación duns servizos sociais da dependencia e discapacidade de calidade, e que cubran as necesidades reais das persoas dependentes, e que ademais, se caracterizen por ser de financiamento, titularidade, xestión e provisión 100% públicas.

Creemos que “envellecer na casa” debe ser un principio esencial duns bos servizos sociais dirixidos aos dependentes, polo que é esencial que existan uns fortes servizos de proximidade (Servizos de Axuda no Fogar, Centros de Día, Teleasistencia, …) que permitan adiar a “institucionalización”, e dicir o ingreso nun Centro Residencial, até o momento no que xa non sexa viábel manter á persoa usuaria no seu domicilio.

Queremos uns servizos sociais de dependencia:

– de cobertura universal, e polo tanto cun número de prazas acorde coas necesidades reais da sociedade galega;

– adecuadamente financiados polas administracións públicas, e gratuítos na súa parte de coidados (pagar so a parte hostaleira);

– de calidade contrastada nos coidados que prestan aos seus usuarios; unha calidade que debe ser garantida mediante as inspeccións pertinentes, sen que se permita a súa manipulación.

– con rateos de profesionais adecuados, debidamente formados, e cunhas condicións laborais e salariais dignas;

– nos que se dea prioridade clara aos servizos SAF, Atención Residencial, Centros de Día, …, con preferencia ás prestacións económicas (Vinculada aos Coidados na Contorna Familiar, Vinculada ao Servizo, …);

– ben coordinados cos servizos sanitarios públicos de Atención Primaria, que deberán contar cos recursos precisos para que esa boa coordinación poida ser realidade; e

– abertos á participación dos usuarios e dos seus familiares, así como da veciñanza das localidades na que se sitúen ou ás que dean servizos.

Aproveitando as Festas do Nadal, a Xunta de Galiza ven de facer públicas tres iniciativas que demostran a súa teima privatizadora e precarizadora dos servizos da dependencia:

– o venres 13 de decembro publicouse no DOG a Orde do 4 de decembro de 2024 da Consellería de Política Social, que modifica a Orde do 18 de abril de 1996. Esta “Orde” é un paso máis no recortes do persoal sanitario que debe existir nas residencias, pois suprime a obriga de ter enfermeira 24 horas para residencias de mais de 40 prazas (5 enfermeiras contratadas ). A nova norma só considera chegar as 5 enfermeiras nas residencias de mais 170 prazas. A norma precariza a calidade da atención aos dependentes e non aclarara quen vai facer as tarefas profesionais das enfermeiras: curas de ulceras e escaras, glucemias, administración de inxectables, heparinas, colirios, control de Sintrom (anticoagulación), administración de medicación, curas, atención en urxencias clínicas, etc..) cando non haxa enfermeiras no centro

– O 26/12/2024, o Presidente da Xunta informou de que os aproximadamente 2.700 dependentes que teñen recoñecido o dereito á unha prestación da dependencia e están agardando por unha praza pública nunha residencia ou centro de día, ou por recibir atención no seu domicilio, …), recibirán unha axuda directa do goberno galego. Esta “paguiña” xa fora anunciada a finais de 2023, e estaba pendente do seu desenvolvemento normativo nunha orde da Consellería de Asuntos Sociais que nunca foi publicada. O asunto resucita agora, aparecendo regulado na Lei de Acompañamento aos Orzamentos de 2025 e, seica, entrará en vigor de maneira automática a partir deste mes de xaneiro.

– Desde o pasado venres, 3 de xaneiro, está en vigor a “RESOLUCIÓN de 31 de decembro de 2024 pola que se aproba o modelo normalizado de solicitude conxunta de recoñecemento da situación de dependencia e do dereito ás prestacións do sistema para a autonomía e atención á dependencia na Comunidade Autónoma de Galicia e do recoñecemento do grao de discapacidade”. Esta resolución publicada no DOG do día 2/01/2025 que permite pedir nun único procedemento administrativo o recoñecemento conxunto da discapacidade e da dependencia. A nova norma elimina a obriga de presentar el informe médico e o de servizos sociais.

Nota de Prensa da ASGADeD do 14 de xaneiro.

Noticias sobre a rolda de prensa:

GaliciaPress: https://www.galiciapress.es/articulo/movimientos/2025-01-14/5137262-nace-asgaded-defensa-sistema-publico-dependencia-beneficios-cuidados-terminos-casan-mal

Nos diario: https://www.nosdiario.gal/articulo/social/nace-entidade-sistema-beneficencia-low-cost-da-xunta/20250114145424214592.html

Xornal Galicia: https://xornalgalicia.com/actualidad/agenda/presentacion-publica-da-asociacion-galega-na-defensa-do-sistema-publico-de-dependencia-e-discapacidade

Galicia Confidencial: https://www.galiciaconfidencial.com/noticia/282779-nace-asgaded-asociacion-defender-sistema-publico-dependencia-calidade-galicia