24/04/2025
Este mércores 23 de abril, o presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, anunciou no Parlamento galego que ao longo da presente lexislatura se porá en marcha un plan para construír 24 novas residencias en concellos de menos de 50.000 habitantes. Esta iniciativa suporá un incremento de 1.800 prazas residenciais na rede pública galega de servizos sociais.
Aínda que se trata dun anuncio relevante, a información dispoñible na actualidade resulta insuficiente para realizar unha valoración global da medida. Será preciso agardar a que a Xunta concrete e detalle as liñas mestras do Plan para poder emitir unha análise máis completa.
Tendo en conta estas limitacións, desde ASGADeD formúlase a seguinte valoración provisional sobre o anuncio:
a) A creación de novas prazas residenciais é unha boa nova, dada a escaseza actual. Segundo datos do IMSERSO de decembro de 2023, o índice de cobertura en Galicia é de 3,33 prazas por cada 100 persoas maiores de 65 anos, lonxe da media estatal (4,2) e da dos países da OCDE (5). Este déficit explica que, haxa, segundo a Xunta, 1.615 persoas maiores en situación de dependencia en lista de agarda para acceder a unha praza pública, segundo se publicou en prensa no mes de decembro. Porén, o plan para crear 1.800 novas prazas resulta claramente insuficiente, xa que, segundo estimacións de 2023, serían necesarias 13.000 prazas adicionais para acadar os niveis da OCDE1.
b) É positivo que se aposte por crear residencias en concellos de menos de 50.000 habitantes, xa que o anterior anuncio da construción de centros financiados pola Fundación Amancio Ortega nas sete cidades galegas xeraba un agravio
comparativo coas vilas e municipios máis pequenos. Esta medida axuda a equilibrar o mapa de atención residencial no territorio.
c) Valórase favorablemente que o tamaño medio previsto para os centros sexa de 75 prazas, xa que se axusta aos criterios recollidos na Resolución do 28 de xullo de 20221 e facilita unha atención máis personalizada e centrada na persoa.
d) A decisión de organizar os centros en unidades de convivencia de 25 prazas resulta pouco axeitada, xa que se trata dun tamaño excesivo que dificulta a personalización da atención e a creación dun ambiente caseiro. Para garantir unha atención centrada na persoa, a Xunta debería seguir os criterios mínimos establecidos na Resolución do 28 de xullo de 2022, que indica que as residencias de nova construción se estruturen en unidades de convivencia de, como máximo, 15 persoas usuarias. Como referencia en Finlandia son dun máximo de 12 persoas.
e) Cómpre que a Xunta clarifique tanto os criterios que vai empregar para decidir a localización das novas residencias, pois a transparencia neste proceso é clave para garantir a equidade territorial e a cobertura das zonas con maior demanda, así como a contía e orixe dos recursos económicos que ten intención de dedicar a construílas
f) O anuncio non especifica o modelo de titularidade nin de xestión, nin de provisión, dos centros previstos. A Xunta limítase a indicar que desenvolverá un plan de construción ao longo da lexislatura, sen concretar se as residencias serán de titularidade pública ou privada, nin se serán xestionadas de maneira directa ou indirecta pola propia Xunta.
Neste sentido, é relevante lembrar precedentes como o Plan de Atención Galego ás Persoas Maiores 2001-2006, no que a Xunta asinou un convenio co IGAPE para subvencionar a construción de 20 residencias privadas de máis de 150 prazas, condicionando a recepción da subvencións a que arredor do 40% das prazas de cada centro fosen concertadas coa Xunta2. Tendo en conta esta experiencia, resulta esencial que a Xunta aclare se as novas residencias serán públicas ou privadas, e en caso de seren públicas, se a súa xestión será directa (por parte da administración) ou externalizada a entidades privadas, como aconteceu coas residencias promovidas pola Fundación Amancio Ortega.
g) As novas residencias que a Xunta di que vai crear, deben ser, en opinión de ASGADeD, de titularidade, xestión e provisión 100% públicas, para que podan cumprir con eficacia e eficiencia o seu papel e dar servizo a poboación galega e reducir as importantes listas de espera que existen para conseguir unha praza nunha residencia pública
1- Ver este estudo ao respecto: https://dialnet.unirioja.es/servlet/articulo?codigo=9164557
2- Resolución de 28 de julio de 2022, de la Secretaría de Estado de Derechos Sociales, por la que se publica el Acuerdo del Consejo Territorial de Servicios Sociales y del Sistema para la Autonomía y Atención a la Dependencia, sobre criterios comunes de acreditación y calidad de los centros y servicios del Sistema para la Autonomía y Atención a la Dependencia.
3- Unha noticia ao respecto: https://www.lavozdegalicia.es/noticia/galicia/2001/06/11/xunta-anuncia-construccion-cuatro-nuevas-residencias-tercera-edad/0003_609307.htm
E aquí a normativa que regulou dito convenio:
https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2001/20011114/Anuncio11C7A_gl.html