-
ASGADeD, xunto co SLG e a Plataforma Comida Digna Xa, reúnese coa Axencia Española de Seguridade Alimentaria (AESAN) e o Ministerio de Consumo para falar das propostas ao Real Decreto para o fomento dunha alimentación saudábel e sostíbel.
-
Na reunión, que en xeral foi positiva, participaron Paula Rubio Marqués, técnica de xestión de organismos autónomos e representante de consumidores e usuarios, Teresa Robledo de Dios e Alberto Díaz García, de AESAN; Francisca Martínez, voceira da Plataforma Comida Digna Xa, e que forma parte de ASNADI (Asociación Nacional de Dietistas) e é a Coordinadora do Grupo de Especialización en Nutrición na Terceira Idade; e Isabel Vilalba Seivane e Margarida Prieto Ledo do Sindicato
Galiza, 9 de setembro de 2025.
O pasado 5 de setembro representantes de ASGADeD, xunto con o Sindicato Labrego-Comisións Labregas (SLG-CCLL) e a Plataforma Comida Digna Xa, reunímonos coa Axencia Española de Seguridade Alimentaria e Nutrición (AESAN) e o Ministerio de Dereitos Sociais, Consumo e Axenda 2030 para falar das nosas propostas ao Proxecto de Real Decreto para o fomento dunha alimentación saudábel e sostíbel na contratación das administracións públicas e en centros de persoas dependentes ou con necesidades especiais.
Aínda que as organizacións presentes na reunión xa participaramos no proceso de consulta pública do Real Decreto para abordar o problema da calidade da alimentación en residencias, centros de día e hospitais, esta nova reunión permitiunos reiterar as cuestións centrais desta realidade, xa que o documento normativo aínda non está pechado.
Durante a reunión, insistimos na necesidade de que o Goberno estableza criterios claros para garantir unha alimentación digna e saudábel en residencias, hospitais, centros educativos e nos programas sociais como Xantar na Casa. Para isto, destacamos a importancia de establecer mecanismos de seguimento do estado nutricional das persoas usuarias e de patoloxías que poidan estar relacionadas coa alimentación. Tamén insistimos na importancia de controlar os residuos tóxicos que poidan estar presentes na comida, a prohibición do uso habitual de precociñados e a reapertura de cociñas propias. Por outra banda, falamos tamén de que para poder asegurar unha alimentación digna é preciso que se repartan os menús diariamente, con alimentos locais de tempada e ecolóxicos —co obxectivo de que este tipo de alimentos sexan un 5% de xeito inmendiato, un 25% en 2030 e un 50% a medio prazo—. Por último, esiximos a prohibición do uso de transxénicos, a adaptación das dietas ás necesidades específicas das persoas usuarias e a redución do uso de plásticos, substituíndoos por materiais seguros como vidro ou aceiro inoxidábel.
Estamos diante dunha ocasión decisiva para mellorar a dieta das persoas máis vulnerábeis —maiores, doentes, dependentes ou crianzas— e para poñer fin a unha situación de mala calidade xeneralizada, baseada demasiadas veces en produtos ultraprocesados, recalentados e servidos en envases de plástico. Tamén, é a oportunidade de aliñar o sistema alimentario cos obxectivos do Pacto Verde Europeo e da estratexia Da Granxa á Mesa, apostando pola introdución de alimentos locais e ecolóxicos que non só coiden a saúde pública das persoas, senón tamén o medio. É, en definitiva, unha ocasión para dar pasos firmes cara á soberanía alimentaria que precisamos.
Un encontro positivo
O encontro coa AESAN e o Ministerio de Consumo foi positivo en termos xerais. As demandas presentadas foron recibidas con interese. Así mesmo valoramos a transparencia coa que explicaron aqueles asuntos que escapan das competencias destas administracións e nos que non teñen capacidade de actuación.Documento:
O proxecto de Real Decreto inclúe obrigas concretas e avaliábeis en materia de calidade nutricional e organoléptica, con distribución mínima de grupos de alimentos, variabilidade nos menús e limitación do uso de pratos ultraprocesados. Tamén contempla estudar un programa de seguimento do estado nutricional das persoas usuarias, establecer mínimos de consumo de froitas, verduras e legumes de tempada e proximidade, e introducir progresivamente produtos ecolóxicos seguindo o modelo do decreto de comedores escolares.
No relativo ao reparto de comida, desde a AESAN estableceron que, aínda que si que se pode incluír un aumento na frecuencia, a decisión de contar con cociñas in situ ou servizos de catering excede as competencias destes organismos. A normativa terá un alcance amplo, aplicándose non só a residencias e hospitais, senón tamén a programas e centros como Xantar na Casa, centros de día ou de discapacidade. As institucións amosaron acordo coas demandas, aínda que recoñeceron que a súa aplicación será complexa pola necesidade de coordinación interministerial, comprometéndose a avanzar na medida das súas posibilidades.
Dende ASGADeD consideramos que este encontro supón un paso adiante cara a garantir unha alimentación saudábel, digna e de calidade para as persoas maiores e usuarias dos servizos asistenciais. Seguiremos traballando para que as nosas demandas se concreten en compromisos reais que melloren a vida das persoas máis vulnerábeis.