ASGADeD

Tres características actuais do Sistema Galego de Dependencia.

O sistema público galego da dependencia vaise configurando como un Sistema de Beneficencia de baixo custe, de calidade moi mellorábel e dirixido fundamentalmente aos sectores sociais con menos recursos económicos; por outra banda, globalmente, o noso sistema dependencia é un instrumento de transferencia das rendas das familias cara as grandes empresas do sector, e tamén un sistema de transferencia dos recursos económicos desde o sector público ao privado, coa colaboración entusiasta da Xunta de Galicia.

Artigo de Francisco L. Vázquez Vizoso, membro do grupo promotor de ASGADeD, en Nós Diario do 10/04/2025

ASGADeD traslada o seu apoio á familia de Vilalba que solicita a instalación dun semáforo para garantir a seguridade do seu fillo con autismo.

  • Mañá, mércores 2 de abril, conmemórase o Día Mundial de Concienciación sobre o Autismo. Demandamos ás administracións públicas un verdadeiro compromiso ca habilitación de medidas que garantan os denominados “axustes razoables”

    Lugo, 01 de Abril 2025. Ás portas do Día Mundial de Concienciación sobre o Autismo, que cada ano a ONU conmemora o 2 de abril, a Asociación Galega na Defensa do Sistema Público de Dependencia e Discapacidade (ASGADeD) reitera ás administracións públicas a necesidade de que exista un compromiso real pola súa parte á hora de activar tódalas medidas posibles para garantir a igualdade no acceso e desfrute do espazo público e, nomeadamente, aquelas que constitúen “axustes razoables” segundo o “Documento guía para la comprensión y buena aplicación de los ajustes razonables como medida de igualdad de oportunidades y no discriminación de las personas con discapacidad”, aprobado o pasado mes de xuño polo Ministerio de Dereitos Sociais e Consumo.

    Como concreta este texto, os axustes razoables son á vez un dereito das persoas con discapacidade e una obriga de instancias públicas e privadas. Trátase de modificacións e adaptacións necesarias e axeitadas do entorno físico, comunicativo, cognitivo social e actitudinal á situación e realidade especifica dunha persoa con discapacidade, para facilitar a accesibilidade e a participación, así como o exercicio de tódolos dereitos en igualdade de condicións coas demais persoas.

    Os axustes razoables son diferentes ás medidas de accesibilidade, referíndose estas últimas a grupos implicando unha aplicación progresiva, en tanto que os axustes son un concepto individualizado que se aplica decontado a tódolos dereitos.

    Neste senso resulta paradigmático o caso dunha familia de Vilalba feito público precisamente nestes últimos días. Solicitan a instalación dun semáforo que permita que o seu fillo con autismo poda cruzar a rúa con seguridade, ademais de avanzar nunha cuestión tan importante para a súa autoestima e desenvolvemento como é ir acadando cada vez unha maior autonomía.

    A súa demanda non só é lexítima, senón que encádrase claramente nunha das actuacións de adecuación do espazo que as administracións públicas teñen a responsabilidade de executar. Ademais, é tamén un aporte diferenciado de ditas administracións a súa capacidade para consolidar avances en materia de sensibilidade social e respecto á diversidade, polo que, neste caso concreto, o Concello de Vilalba non só debe actuar conforme á normativa atendendo á solicitude da familia, senón que tamén é unha oportunidade para precisamente a través do seu exemplo de compromiso avanzar nunha maior concienciación sobre a pertinencia de acoller a diversidade e, de xeito específico, a relevancia ca que pequenas accións poden mellorar de xeito significativo a vida das persoas con autismo e as súas familias.

    Así, dende ASGADeD coincidimos con outros colectivos que teñen xa expresado publicamente o seu apoio a esta familia de Vilalba, e lembramos que atendendo ao devandito “Documento guía para la comprensión y buena aplicación de los ajustes razonables como medida de igualdad de oportunidades y no discriminación de las personas con discapacidad”, a non realización dun axuste razoable supón unha discriminación e a violación dun dereito.

Centros de coidados: xestión pública, privada ou “social”? – Por Francisco Vizoso, Margarida Prieto, Eva Gutierrez e Mónica Hernán.

O pasado venres, 28 de marzo, publicouse en “Praza Pública, un artigo crítico coa chamada xestión “social” e en defensa da xestión pública dos centros de coidados. A autoría do artigo é de 2 persoas do Grupo Promotor de ASGADeD e outras 2 persoas da Plataforma Pro-CAPD (Centro de Atención ás Persoas con Dependencia de Ourense).”

Ligazón ao artigo: https://praza.gal/opinion/centros-de-coidados-xestion-publica-privada-ou-social

Pódese descargar o documento desde a Biblioteca de ASGADeD.

 

CHARLA DE PRESENTACIÓN DE ASGADed EN ARTEIXO.

O pasado luns, 24 de marzo de 2025, tivemos unha charla de presentación de ASGADeD en Arteixo. A charla organizárona o grupo de persoas que recolleron máis de 5.000 sinaturas reclamando a existencia de cando menos unha nova residencia de maiores en Arteixo. O acto tivo unha boa asistencia, cunha nutrida presencia de familiares de persoas con diversidade funcional, para as que non existen dispositivos asistenciais malia no concello malia que Arteixo é un concello de case 35.000 habitantes e ten conta cun alto orzamento municipal en relación ao seu tamaño.

Explicamos que é ASGADeD e cales son os seus principios fundamentais, é dicir: 1) a aposta por uns servizos sociais 100% públicos, tanto no seu financiamento como na súa titularidade (propiedade), xestión e provisión, 2) o convencemento de que a calidade dos coidados e o negocio son termos contraditorios, polo que defendemos que a procura de beneficios económicos debe ser ter cabida no sector da dependencia e discapacidades e, por último, 3) a consideración de que a vía fundamental para conseguir os nosos obxectivos é a mobilización cidadán.

Na charla explicamos tamén cal é o noso diagnóstico dos principais problemas que presenta o sector da dependencia/discapacidade en Galicia, manifestamos o noso apoio ao proceso asociativo das familias con persoas con discapacidade que está tendo lugar en Arteixo, e animamos ao público a que participara na mobilización por uns servizos sociais públicos dignos que nesta mesma vila organizaba 3 días despois un sindicato, da que reproducimos aquí unha fotografía.

Charla de presentación de ASGADeD en Arteixo, o 24/03/2025

Concentración convocada pola CIG en Arteixo o 27/03/2025, en defensa dunha atención digna á dependencia

Boa acollida da presentación en Ourense da ASGADeD.

O pasado día 13 de marzo, en colaboración coa Plataforma Pro-CAPD de Ourense, presentouse nesa cidade a Asociación Galega en Defensa do Sistema Público da Dependencia e Discapacidade.

No acto as persoas que representaban á Plataforma Pro-CAPD reiteraron a súa oposición a que a xestión do novo CAPD de Ourense non fora directa por parte da Xunta, mentres que as que  falaron no nome de ASGADeD fixeron unha exposición resumida dos principais problemas que presenta o Sistema Galego de Dependencia e Discapacidade (DeD), e defenderon tamén a xestión plenamente pública do CAPD de Ourense e argumentaron de xeito crítico contra o chamado modelo de “Xestión Social”.

Comunicado de Apoio ás mobilizacións que están desenvolvendo o persoal e usuarios da Residencia “Volta do Castro” de Santiago para defenderse da “psiquiatrización” da súa residencia por parte da Xunta.

11/03/2025

Dende  a Asociación en Defensa do Sistema Público da Dependencia e Discapacidade (ASGADeD) queremos amosar o noso apoio e solidariedade co persoal, familiares e usuarios da residencia pública “Volta do Castro” de Compostela, que están a levar a cabo mobilizacións de protesta (denuncias aos medios de comunicación, concentracións, recollida de sinaturas ou andainas ou “peregrinacións”…) de denuncia do que denominan “psiquiatrización” da súa residencia.

A Xunta actúa temerariamente ao meter en residencias de maiores a un tipo de pacientes para os que non están preparadas: persoas con menos de 65 anos con patoloxías psiquiátricas ou adiccións, e fano  sen ter ningún plan específico para uns pacientes con necesidades especiais, pois o seu correcto coidado é diferente do habitual nunha residencia de maiores; este tipo de pacientes ocupan máis tempo de atención e requiren máis recursos e persoal formado e especializado nas doenzas que os caracterizan e, ademais e con certa frecuencia, presentan crises para as que a Xunta non aporta protocolos de actuación.

Segundo informan traballadoras da residencia, actualmente o 75% dos ingresos son psiquiátricos ou de adiccións, e a falla de persoal e de preparación para esas doenzas, xunto co feito de que os outros usuarios son persoas maiores e fráxiles, crea cada vez máis inseguridade e sobrecarga de traballo, incluso agresións entre internos e algúns roubos. A xunta só deu un cursiño de «seis horas para o equipo médico e as enfermeiras, e para as auxiliares, una formación online» isto é unha mostra da pequenísima importancia que a Xunta lle dá a este problema.

Lembramos que a residencia “Volta do Castro”, foi a primeira en completar a transformación tecnolóxica, que a Consellería de Política Social di estar promovendo no ámbito sociosanitario, para alegría das empresas tecnolóxicas e como practicamente única estratexia para mellorar a calidade das residencias. Os problemas de escaseza do persoal ou das escasísimas prazas existentes nas residencias públicas non parecen preocuparlle tanto.

O problema tamén se presenta noutras residencias, por exemplo no CRAP de Vigo, mais é na residencia “Volta do Castro” onde as traballadoras e traballadores, e tamén algúns familiares e usuarios, estanse opoñendo dun xeito activo a esa política de “psiquiatrización” da súa residencia que está provocando un deterioro da calidade dos coidados que se prestan nela.

A calidade da atención nas residencias galegas empeorou despois da pandemia de COVID e cada vez hai menos medios e recursos; na súa ultima ocorrencia a Xunta recortou a presenza de persoal de enfermería mentres que, ao mesmo tempo, está a ingresar nas residencias públicas a xente que, cando non está atendida por persoal especializado e suficiente, pode alterarse, volverse agresiva, ou ter condutas antisociais.

Fabiola García actúa con hipocrisía cando dí que a estes pacientes failles falta “empatía e humanidade” e que “esa xente ten que estar nalgunha parte”. Certo, estes pacientes teñen que estar nalgún sitio, mais as residencias de maiores non é o sitio máis adecuado para que estean. E é a súa responsabilidade, como Conselleira de Política Social, garantir que estean en centros axeitados, dotados dos recursos e do persoal especializado que exixe a súa correcta atención. A conselleira, ou non se enteira de todo o sufrimento que ocasionan as súas ocorrencias ou é extremadamente inhumana

Roda de Prensa e Presentación de ASGADeD na Coruña.

Presentación Pública do
Grupo Promotor da ASGADeD
(Asociación Galega na Defensa do Sistema Público de Dependencia e Discapacidade)

26/02/2025

A Coruña, 26 de febrerio 2025. Na mañá de hoxe tivo lugar unha rolda de prensa para presentar a Asociación Galega na Defensa do Sistema Público de Dependencia e Discapacidade (ASGADeD) na Coruña. O acto estivo conducido por Xosé Ramón Cendán (activista polo dereito á saúde pública) e contou ca intervención de Francisco Vázquez Vizoso (médico xubilado, ex-Xefe do Servizo de Medicina Preventiva do Complexo Hospitalario de Pontevedra) e Margarida Prieto Ledo (familiar e coidadora de persoa dependente).

Co obxectivo de seguir dando a coñecer a  ASGADeD, ás 19.30h. do serán terá tamén lugar unha charla no Espazo Cultural Portas Ártabras (Rúa Sinagoga, 22; detrás da Colexiata).

Nota de Prensa de ASGADeD del 26 de Febreiro

Audio Intervencion Francisco Vazquez Vizoso


Audio Intervencion Margarida Prieto Ledo