ASGADeD

ASGADeD traslada o seu apoio á concentración que vai ter lugar o LUNS 10 DE FEBREIRO, na defensa do Sistema Público de Atención ás Persoas Dependentes.

05/02/2025

     A Asociación Galega na Defensa do Sistema Público de Dependencia e Discapacidade (ASGADeD) traslada o seu apoio á concentración que vai ter lugar o LUNS 10 DE FEBREIRO dende as 11h. diante da Xunta de Galicia (San Caetano, Santiago de Compostela) na defensa do sistema público de atención ás persoas dependentes.

     Sumámonos así ás reivindicacións das organizacións Comisións Obreiras (CCOO), Colexio Oficial de Traballo Social (COTS) e o Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas (SLG-CCLL), entidades convocantes.

     Coincidimos na fonda preocupación ante o anuncio das modificacións en materia de atención á Dependencia vinculadas á Lei de medidas fiscais e administrativas que acompaña ao Proxecto de Orzamentos da Xunta de Galicia para 2025, que supoñen un claro retroceso na atención ás persoas dependentes e vai restrinxir a participación da sociedade civil no eido dos servizos sociais. Con esta Lei a Xunta dá novos pasos na transformación do sistema de dependencia nun Sistema de Beneficiencia Low Cost, afastándose cada vez máis do espírito de calidade e universalidade na atención á dependencia que precisamente caracteriza á Lei de Dependencia.

     O sarillo burocrático que predomina no actual proceso de tramitación da solicitude e resolución da Dependencia non se vai resolver coas medidas propostas pola Consellería de Política Social, pois non abordan a súa principal causa, que non é outra que a escaseza de persoal técnico nos equipos de valoración.

     Ademais, ao eliminar o Informe Social, é dicir, a valoración diagnóstica profesional, debilítase o papel dos e das traballadores sociais e se compromete a calidade  da atención, o que vai dar como resultado un retroceso claro nos dereitos da cidadanía, aumentando o risco de discriminación e desigualdade,  dado  que este informe é unha peza clave para ter a información detallada da situación social, familiar e rede de apoio, así como dos recursos dispoñibles, datos básicos para unha correcta valoración da dependencia.

     Por outra banda, elimínase o necesario Informe de Saúde da persoa dependente, e a Xunta non aclara quen e como vai conseguirse esa información esencial para o correcto coidado da persoa dependente.

     Consideramos tamén unha falta de responsabilidade totalmente inxustificable que a conselleira de Política Social, Fabiola García, leve meses sen respostar á solicitude de xuntanza realizada no mes de novembro do 2024 polas citadas organizacións convocantes da mobilización do vindeiro luns 10 de febreiro, todas elas integrantes do Consello Galego de Benestar Social (CGBS).

A nosa asociación, ASGADeD, ten como un dos seus obxectivos principais avanzar na construción dun forte movemento social amplo, plural e transversal, que mobilice á sociedade galega e lles exixa ás administracións públicas (sobre todo á autonómica e á estatal, mais tamén á municipal), un compromiso real para conseguir a creación duns servizos sociais da dependencia e discapacidade de calidade, que cubran as necesidades reais das persoas dependentes e que, ademais, se caractericen por ser de financiamento, titularidade, xestión e provisión 100% públicas.

     Por todos estes motivos apoiamos a concentración que vai ter lugar o LUNS 10 DE FEBREIRO dende as 11h. diante da Xunta de Galicia (San Caetano, Santiago de Compostela) na defensa do sistema público de atención ás persoas dependentes.

Grazas pola atención

asgaded.gal

Comunicado da ASGADeD de apoio á manifestación do Día 30 en Vigo.

23/01/2025

A Asociación Galega en Defensa do Sistema Público de Dependencia e Discapacidade (ASGADeD) quere manifestar o noso apoio a manifestación en defensa dos servizos públicos, centrada sobre todo nos relacionados co Ensino

que se celebrará o próximo día 30 de Xaneiro, ás 19:00 horas, en Vigo, saíndo do Cruce de Vía Norte

reclamando INVESTIMENTO público EN POLÍTICAS REAIS E EFECTIVAS que doten de RECURSOS HUMANOS os SERVIZOS PÚBLICOS cubrindo as necesidades básicas de todas as FAMILIAS e PERSOAS que precisan AXUDA e ATENCIÓN URXENTE.

e que está organizada polo Foro Socio-educativo ‘Os Ninguéns’, ADICOPUVI (Asociación de Directores de A Asociación Galega en Defensa do Sistema Público de Dependencia e Discapacidade (ASGADeD) quere manifestar o noso apoio a manifestación en defensa dos servizos públicos, centrada sobre todo nos relacionados co Ensino

A ASGADeD quere facer chegar aos organizadores da manifestación os nosos parabéns porque a teñan convocado, manifestar o noso pleno acordo co manifesto de convocatoria da manifestación, e informalos de que temos decidido difundir a convocatoria en redes sociais, así como participar nela.

Grupo Promotor da ASGADeD
(Asociación Galega en Defensa do Sistema Público da Dependencia e Discapacidade)

Comunicado sobre a desaparición da presenza de enfermeiras na quenda de noite na Residencia Castro Ribeiras de Lea (Castro de Rei).

E DICÍAN QUE NON ERAN RECORTES.

22 de xaneiro de 2025

A desaparición da presenza de enfermeiras na quenda de noite na Residencia Castro Ribeiras de Lea (Castro de Rei) demostra que, como denunciamos desde ASGADeD, a Orde da Consellería de Política Social de 4 de decembro de 2024, estaba a sentar a base para novos recortes do persoal das residencias.

Dende a ASGADeD (Asociación Galega pola Defensa do Sistema Público de Atención á Dependencia e Discapacidade) denunciamos hai unhas semanas que a Consellería de Política Social publicou no DOG do venres 13 de decembro a Orde do 4 de decembro de 2024, que modifica a Orde do 18 de abril de 1996 e que suprime a obriga de ter enfermeira 24 horas para residencias de mais de 40 prazas (5 enfermeiras contratadas como mínimo). Un feito gravísimo con consecuencias directas para a saúde das usuarias de residencias que incluso pode comprometer as posibilidades de supervivencia nos casos de urxencias vitais que precisen coidados especializados.

Pois ben, xa estamos a sufrir a primeira consecuencia: a dirección da residencia de Castro Ribeiras de Lea (Lugo), un centro de titularidade pública mais de xestión privada pola empresa SK Senior, con 172 prazas para persoas dependentes decidiu unilateralmente suprimir o persoal de enfermería na quenda de noite, ficando só ao persoal xerocultor na quenda de noite. Si se produce unha urxencia nesa quenda, serán as xerocultoras as responsables da primeira atención, decidir as derivacións hospitalarias, chamar ó 061, etc., polo que mentres fan esas funcións para as que non teñen a formación específica, quedan as demais usuarias sen atender, retrasando o traballo nocturno habitual (cambios de cueiros, inxesta de suplementos, rondas, etc.). Non queremos pensar no que pasaría si se producen varias urxencias na mesma quenda.

A seguinte consecuencia será que non se van cubrir as vacacións, IT, permisos por garda legal e calquera outra circunstancia das enfermeiras. Tampouco se contratará persoal para cubrir vacantes e as poucas que queden en cada centro estarán tan sobrepasadas e saturadas que se marcharán a outros sectores buscando mellores condicións laborais, polo que aínda será mais difícil atopar persoal. Todo para xustificar a máxima das empresas privadas: “non atopamos persoal”.

Como denunciamos con anterioridade esta Orde só beneficia ás empresas propietarias e/ou xestoras de residencias (a maioría pertencentes a grandes corporacións con capital procedente de fondos de investimento ou a empresas de construción) e prexudica gravemente ás usuarias, a súas familias e ao persoal que traballa nos centros, con medios cada vez mais precarios.

Á Consellería de Política Social non lle chega con desmontar o sistema público de dependencia privatizando as unidades, servizos e centros públicos para encher as arcas dos empresarios, con estas medidas buscan volver a un sistema de asilos mais propio do século XIX-XX, cun desprezo total cara a aquelas persoas que sofren dependencia ou discapacidade, as súas familias, as traballadoras e a sociedade en xeral.

Desde a ASGADeD solidarizámonos coas persoas usuarias da Residencia de Castro de Ribeiras de Lea, e as súas familias, que verán reducirse a calidade da atención que se lles presta coa desaparición da quenda de noite de enfermaría, así como aínda como coas traballadoras da Residencias que verán aínda mais precarizadas as súas condicións de traballo como consecuencia do novo recorte que vai aplicar a Dirección da Residencia en aplicación do recorte promovido pola Consellería de Política Social.

Presentación Pública do Grupo Promotor da ASGADeD en rolda de prensa.

Presentación Pública do

Grupo Promotor da ASGADeD

(Asociación Galega en na Defensa do Sistema Público de Dependencia e Discapacidade)

14/01/2025

Somos un grupo de persoas, de diversas contornas sociais e profesionais, preocupadas pola situación actual dos servicios públicos da dependencia na Galiza.

Partillamos unha visión desa situación caracterizada, por unha banda, pola aposta clara da Xunta de Galiza de converter o Sistema Público Galego de Dependencia, definido na Lei de Dependencia 39/2006, nun Sistema de Beneficencia “Low Cost”, en aberta oposición ao definido nesa mesma lei. Síntomas claros desa estratexia de promover un sistema de dependencia de baixo custe, de aposta polos servizos e prestacións mais baratos, son os seguintes:

– a importancia cada vez menor que se lle da ao SAF (Servizo de Atención no Fogar),

– o forte incremento que se lle está dando ao recurso á PECEF (Prestación Económica de Coidados no Entorno Familiar), unha prestación que a propia Lei de Dependencia establece como de carácter excepcional e que sen embargo hoxe medra cada vez máis, malia a forte discriminación de xénero que perpetúa a súa existencia.

– a enorme escaseza de residencias públicas no País, especialmente grave na metade occidental de Galicia onde a última residencia pública foi creada no ano 2007 (Volta do Castro, Santiago). A escaseza de residencias públicas está obrigando a moitos dependentes que non poden pagar as disparatadas cifras esixidas polas residencias privadas (máis de 3.000€/mes, nas residencias de Vigo), a desprazarse a residencias situadas a centos de quilómetros da súa residencia.

Un outro aspecto central que tamén caracteriza a situación actual dos servizos públicos da dependencia en Galiza, é a posición da Xunta de favorecer dun xeito descarado a privatización do sistema da dependencia, de xeito que o principal papel que está a xogar a Xunta é o de canalizar os recursos públicos da dependencia cara as empresas privadas da dependencia que, nunha moi alta proporción de casos, pertencen realmente a Fondos de Investimento (“fondos voitre”) estranxeiros que teñen coma principal obxectivo, non o correcto coidado dos dependentes, senón a maximización de beneficios.

Para as persoas en situación de dependencia, as consecuencias prácticas das opcións que ten tomado a Xunta de Galiza, é que teñen que soportar un sistema de dependencia carísimo para o usuario, cunha a calidade dos coidados, como regra xeral, claramente mellorábel, e abertamente precarizado en recursos e en persoal; situación esta moi relacionada coa importante infrafinanciación do sistema, pois o estado español só dedica aos servizos sociais o 0,8% do seu PIB, mentres que a media da Unión Europea é do 1,6% e a os Paises Nórdicos chegan a cifras que supera o 3%.

A ASGADeD nace coa intención de contribuír a modificar a realidade antes descrita. Tratamos de avanzar na construción dun forte movemento social amplo, plural e transversal, que mobilice á sociedade galega e lles exixa ás administracións públicas (sobre todo á autonómica e á estatal, mais tamén á municipal), un compromiso real para conseguir a creación duns servizos sociais da dependencia e discapacidade de calidade, e que cubran as necesidades reais das persoas dependentes, e que ademais, se caracterizen por ser de financiamento, titularidade, xestión e provisión 100% públicas.

Creemos que “envellecer na casa” debe ser un principio esencial duns bos servizos sociais dirixidos aos dependentes, polo que é esencial que existan uns fortes servizos de proximidade (Servizos de Axuda no Fogar, Centros de Día, Teleasistencia, …) que permitan adiar a “institucionalización”, e dicir o ingreso nun Centro Residencial, até o momento no que xa non sexa viábel manter á persoa usuaria no seu domicilio.

Queremos uns servizos sociais de dependencia:

– de cobertura universal, e polo tanto cun número de prazas acorde coas necesidades reais da sociedade galega;

– adecuadamente financiados polas administracións públicas, e gratuítos na súa parte de coidados (pagar so a parte hostaleira);

– de calidade contrastada nos coidados que prestan aos seus usuarios; unha calidade que debe ser garantida mediante as inspeccións pertinentes, sen que se permita a súa manipulación.

– con rateos de profesionais adecuados, debidamente formados, e cunhas condicións laborais e salariais dignas;

– nos que se dea prioridade clara aos servizos SAF, Atención Residencial, Centros de Día, …, con preferencia ás prestacións económicas (Vinculada aos Coidados na Contorna Familiar, Vinculada ao Servizo, …);

– ben coordinados cos servizos sanitarios públicos de Atención Primaria, que deberán contar cos recursos precisos para que esa boa coordinación poida ser realidade; e

– abertos á participación dos usuarios e dos seus familiares, así como da veciñanza das localidades na que se sitúen ou ás que dean servizos.

Aproveitando as Festas do Nadal, a Xunta de Galiza ven de facer públicas tres iniciativas que demostran a súa teima privatizadora e precarizadora dos servizos da dependencia:

– o venres 13 de decembro publicouse no DOG a Orde do 4 de decembro de 2024 da Consellería de Política Social, que modifica a Orde do 18 de abril de 1996. Esta “Orde” é un paso máis no recortes do persoal sanitario que debe existir nas residencias, pois suprime a obriga de ter enfermeira 24 horas para residencias de mais de 40 prazas (5 enfermeiras contratadas ). A nova norma só considera chegar as 5 enfermeiras nas residencias de mais 170 prazas. A norma precariza a calidade da atención aos dependentes e non aclarara quen vai facer as tarefas profesionais das enfermeiras: curas de ulceras e escaras, glucemias, administración de inxectables, heparinas, colirios, control de Sintrom (anticoagulación), administración de medicación, curas, atención en urxencias clínicas, etc..) cando non haxa enfermeiras no centro

– O 26/12/2024, o Presidente da Xunta informou de que os aproximadamente 2.700 dependentes que teñen recoñecido o dereito á unha prestación da dependencia e están agardando por unha praza pública nunha residencia ou centro de día, ou por recibir atención no seu domicilio, …), recibirán unha axuda directa do goberno galego. Esta “paguiña” xa fora anunciada a finais de 2023, e estaba pendente do seu desenvolvemento normativo nunha orde da Consellería de Asuntos Sociais que nunca foi publicada. O asunto resucita agora, aparecendo regulado na Lei de Acompañamento aos Orzamentos de 2025 e, seica, entrará en vigor de maneira automática a partir deste mes de xaneiro.

– Desde o pasado venres, 3 de xaneiro, está en vigor a “RESOLUCIÓN de 31 de decembro de 2024 pola que se aproba o modelo normalizado de solicitude conxunta de recoñecemento da situación de dependencia e do dereito ás prestacións do sistema para a autonomía e atención á dependencia na Comunidade Autónoma de Galicia e do recoñecemento do grao de discapacidade”. Esta resolución publicada no DOG do día 2/01/2025 que permite pedir nun único procedemento administrativo o recoñecemento conxunto da discapacidade e da dependencia. A nova norma elimina a obriga de presentar el informe médico e o de servizos sociais.

Nota de Prensa da ASGADeD do 14 de xaneiro.

Noticias sobre a rolda de prensa:

GaliciaPress: https://www.galiciapress.es/articulo/movimientos/2025-01-14/5137262-nace-asgaded-defensa-sistema-publico-dependencia-beneficios-cuidados-terminos-casan-mal

Nos diario: https://www.nosdiario.gal/articulo/social/nace-entidade-sistema-beneficencia-low-cost-da-xunta/20250114145424214592.html

Xornal Galicia: https://xornalgalicia.com/actualidad/agenda/presentacion-publica-da-asociacion-galega-na-defensa-do-sistema-publico-de-dependencia-e-discapacidade

Galicia Confidencial: https://www.galiciaconfidencial.com/noticia/282779-nace-asgaded-asociacion-defender-sistema-publico-dependencia-calidade-galicia