ASGADeD

ASGADeD inicia en xaneiro unha campaña de concienciación sobre a alimentación das persoas maiores.

NOTA DE PRENSA

19/01/2025

A Asociación Galega en Defensa da Dependencia e da Discapacidade (ASGADeD) está a realizar unha campaña de concienciación centrada na mellora da alimentación que reciben as persoas ingresadas nas residencias, nos centros de día e as que participan en programas como “Xantar na Casa”. En realidade, como se pode comprobar nas nosas redes sociais1, a campaña comezou xa en decembro porque queriamos incidir no tema antes das festas do nadal, si ben o fundamental da campaña vai desenvolverse a partir deste momento.

A nosa Asociación considera que unha alimentación saudábel é un elemento clave para a saúde das persoas e que, dende hai xa demasiado tempo, son múltiples as protestas dos usuarios desas institucións ou programas, polo que é urxente mudar a situación no sentido de garantirlles a estas persoas unha boa alimentación e unha vida digna e de calidade.

A alimentación é un piar fundamental na calidade de vida das persoas maiores e debe ser entendida como unha parte esencial do seu tratamento integral, e non só como unha necesidade básica. Unha nutrición adecuada contribúe de maneira directa á prevención de enfermidades, ao mantemento da autonomía, á mellora do estado funcional e ao benestar físico e emocional das persoas.

En moitos casos, a alimentación séguese xestionando desde unha perspectiva simplemente funcional: con poucos alimentos frescos e de tempada, menús repetitivos, con unha alta presenza de precociñados, aditivos, conservantes, e requentados, que nalgúns casos son o 100% das comidas diarias, pouca variedade, baixo valor nutricional e escasa adaptación a necesidades individuais. Ademais, con demasiada frecuencia entendese a alimentación adaptada unicamente como triturar os alimentos, sen prestar atención á presentación, o sabor ou a variedade de texturas. Esta visión reduce a experiencia para comer a un acto funcional, deixando de lado a dignidade e o goce da persoa maior.

O envellecemento esixe máis atención nutricional, non menos, e unha dieta insuficiente ou desequilibrada é causa de múltiples problemas: contribúe a desnutrición e perda de masa muscular, aumenta o risco de caídas e fracturas e causa déficits de vitaminas e elementos esenciais, levando a unha maior dependencia, porque sen forza nin enerxía diminúe a capacidade para realizar actividades básicas. Ademais afecta tamén as capacidades cognitivas como a perda de memoria, a capacidade de concentración ou o aumento de episodios de confusión ou desorientación.

En ASGADeD cremos firmemente que a alimentación das persoas maiores institucionalizadas, non debe entenderse como un gasto ou un simple servizo básico, senón como un dereito fundamental e legal para as persoas maiores. Non se trata só de servir pratos, senón de garantir unha nutrición adecuada que respecte a dignidade, a saúde e as preferencias individuais das persoas usuarias.

Desde ASGADeD consideramos que, na actualidade, existen importantes carencias na xestión nutricional de estas persoas, tanto na adaptación dos menús ás necesidades individuais como na supervisión profesional da alimentación. Por este motivo, a nosa asociación promove esta campaña co obxectivo de sensibilizar á sociedade, ás familias, aos profesionais e ás administracións públicas sobre a importancia de garantir unha alimentación segura, equilibrada, individualizada e de calidade.

A campaña incluirá diversas actividades programadas ao longo dos próximos meses, entre elas accións informativas, divulgación de contidos especializados, colaboración con profesionais da nutrición e espazos de reflexión sobre o papel da alimentación na prevención da dependencia e na promoción da saúde no envellecemento.

En ASGADeD reafirmámonos no compromiso coa defensa dos dereitos das persoas en situación de dependencia e discapacidade, e apostamos por un modelo de atención centrado na persoa, no que a alimentación sexa recoñecida como unha ferramenta terapéutica fundamental e non como un aspecto secundario da atención aos maiores e dependentes.

1    Galería Fotográfica Campaña Alimentación Residencias

ASGADeD nas Redes Sociais:

Galería Fotográfica Campaña Alimentación Residencias

“A inactividade da Consellería de Política Social é suplida polas Forzas de Seguridade e a Inspección de Traballo”

NOTA DE PRENSA DE ASGADED do 09/01/2026

Nas últimas semanas do ano 2025 púxose de manifesto, segundo diversas comunicacións trasladadas por particulares, administracións locais, organizacións sindicais, unha serie de situacións que apuntan a unha falta de actuación dilixente por parte da Consellería de Política Social en materia de supervisión e control de centros asistenciais, “pasando” incluso dos servizos de inspección da propia consellería.

A Asociación en Defensa do Sistema Público da Dependencia e Discapacidade (ASGADeD) considera que a opinión pública debe coñecer estes feitos e saber que só se abordaron con seriedade debido a que, afortunadamente, interviñeron outros organismos públicos, fundamentalmente as forzas de seguridade e a Inspección de Traballo, quen realizaron as intervencións urxentes precisas e acabaron asumindo funcións que deberían corresponder de maneira principal á administración autonómica competente, é dicir á Consellería de Política Social e o seu Servizo de Inspección.

O 2 de outubro de 2025 fíxose público o peche da Vivenda Comunitaria Xardín, no concello de Amoeiro (Ourense). Segundo a información publicada polos medios informativos e constatada pola nosa asociación, o detonante da clausura non foi a inspección dos servizos sociais da Xunta realizada a comezos de setembro, senón o aviso dun particular que alertou tanto á propia Xunta (da descoñecemos a contestación) como ao Concello de Amoeiro sobre a situación do centro.

A partir desta comunicación municipal, activouse unha inspección laboral o día 29 de setembro e unha intervención das forzas de seguridade, que terían constatado a falta de coidados axeitados ás persoas residentes. Foron estes corpos os que, requiriron directamente a actuación da Consellería de Política Social, ante a sua inactividade.

Durante esta actuación do peche da Vivenda Comunitaria Xardín, debemos sinalar que a Subdirectora de Inspección se atopaba ausente por vacacións. Sen prexuízo do dereito as vacacións, non deixa de ser unha evidencia da falta de interese pola prestación dos servizos sociais, se temos en conta que este centro que se pecha contaba cunha acta da inspección 15 días antes e que a administración ocultou a informacións aos grupos parlamentarios e a opinión pública, o que deixa en evidencia a súa inacción e complicidade.

O 14 de outubro de 2025, xusto un día antes da comparecencia parlamentaria da conselleira Fabiola Rodríguez para explicar o peche de Amoeiro, procedeuse ao peche doutra vivenda comunitaria, San Gabriel, en Xinzo de Limia. O motivo principal sinalado foi a sobreocupación do centro. Non consta, segundo as denuncias recollidas, que outros centros con situacións similares de sobreocupación, previamente detectadas pola inspección de servizos sociais, fosen clausurados por este motivo, o que nos ocasiona interrogantes sobre se este peche podería interpretarse, como unha forma de xustificar as actuacións relacionadas co caso de Amoeiro.

Neste caso quen se atopaba de vacacións era a Xefa se Servizo de Inspección de Maiores; malia que dúas semana antes se pechara un centro. A estas circunstancias, por parte desta xefa de servizo, súmanse sinalamentos de horarios presuntamente incompatibles co correcto desempeño das funcións de supervisión atribuídas ás persoas responsables da inspección.

Así mesmo, a Inspección de Traballo cuestionou recentemente a situación da residencia de maiores de Oleiros, a raíz dunha denuncia presentada polo sindicato CSIF tras a fuga dunha persoa residente. Na acta de inspección recóllense presuntas deficiencias tanto materiais como organizativas, así como carencias en protocolos de actuación e problemas estruturais do propio edificio. Porén, unha vez mais a inspección laboral puxo de manifesto a falta de intervención da inspección de servizos sociais sobre os coidados e as atencións mínimas das persoas usuarias.

Tamén o 26 de novembro CCOO denunciou publicamente todo tipo de eivas na residencia DomusVi San Lázaro en Santiago, a residencia de maiores con maior número de mortes de toda Galicia, 41, nos nove primeiros meses da COVID, cualificando a súa situación como “insalubre e insostible”, actuación da consellería foi novamente a inacción.

Queda claro que nin na consellería de Política Social non hai ninguén o mando, nin a inspección existe como ente efectivo real, senón como un mero ente decorativo que a Conselleira Fabiola Rodríguez usa de coartada, para finxir que en Galicia se inspecciona e actúa.

Á vista de todo o acontecido, ASGADeD únese as distintas voces que reclaman a asunción de responsabilidades non só por parte da Conselleira Fabiola Rodriguez, máxima responsábel, senón tamén por parte dos mandos intermedios da Consellería de Política Social, especialmente no relativo á Subdirección de Inspección e á Xefatura do Servizo de Inspección de Maiores. A falta de actuación dos órganos competentes provocou que outras administracións tivesen que intervir para garantir a seguridade e o benestar das persoas residentes nos centros afectados.

GaliciaPress: https://www.galiciapress.es/articulo/movimientos/2026-01-13/5732450-asgaded-acusa-xunta-pasar-control-residencias-dejarselo-policia-e-inspeccion-trabajo

OurenseXa: https://ourensexa.com/es/news/asgaded-pide-responsabilidades-a-la-conselleria-de-politica-social-tras-el-cierre-de-la-vivenda-comunitaria-xardin-de-amoeiro/113515/

A XUNTA PECHA DÚAS VIVENDAS COMUNITARIAS EN 15 DÍAS.

Hoxe, 14/10/2025, a Xunta pechou a Vivenda Comunitaria San Gabriel de Xinzo de Limia (12 prazas autorizadas) cuxa titularidade e de Residencia San Gabriel SL. O peche foi debido, entre outros motivos, ás malas condicións sanitarias e alimenticias nas que estaban vivindo as persoas usuarias.

https://www.laregion.es/xinzo-de-limia/clausurada-vivienda-comunitaria-san-gabriel_1_20251014-4017356.html?utm_source=facebook&utm_medium=social&utm_campaign=besoc

Cómpre sinalar que o día 01/10/2025 a Xunta pechou a Vivenda Comunitaria de Amoeiro (6 prazas autorizadas), propiedade do empresario José Benito Dominguez Martinez. Entre as irregularidades que ocasionaron o peche inclúense carencias na alimentación, deficiencias hixiénicas e dúbidas sobre la legalidade da contratación do persoal. 

https://www.lavozdegalicia.es/noticia/ourense/amoeiro/2025/10/01/xunta-cierra-vivienda-comunitaria-mayores-amoeiro-faltas-graves-atencion/00031759328549222888773.htm

Para ASGADeD hai un amplo campo de mellora nas condicións das Vivendas Comunitarias en todo o País, en moitos aspectos, entre os que destaca o da moi mellorábel calidade da alimentación que reciben as persoas usuarias.

ASGADeD avalía o novo modelo de residencias de maiores promovido polas Deputacións de Lugo e Coruña.

     O pasado día 12 de setembro, o Presidente e o Vicepresidente da Deputación da Coruña, deron unha Rolda de Prensa na que informaron de que, na Provincia da Coruña, vai iniciarse a construción dunha rede de residencias para maiores (Centros de Atención ás Persoas Maiores, CAM) cun modelo similar ao que xa existe na Provincia de Lugo. Naquela Rolda de Prensa informaron de que, no primeiro semestre de 2026, comezará a construción das novas residencias que se situarán nos concellos de As Pontes de García Rodríguez, Ordes e Rianxo. Segundo expresaron os responsábeis da deputación coruñesa é unha iniciativa que aposta por un modelo “público, próximo, sostíbel e centrado nas persoas”.

     No presente texto, desde a Asociación Galega en Defensa do Sistema Público de Dependencia e Discapacidade (ASGADeD) queremos facer pública a nosa valoración global deste novo modelo de residencias (o Modelo dos CAM), após de avaliar a experiencia das 9 CAM que xa levan uns anos funcionado na Provincia de Lugo, e na perspectiva de que este modelo de residencias de maiores se estenda tamén á Provincia da Coruña. Tamén avaliaremos se aos CAM actualmente existentes na provincia de Lugo lles resulta acaída a denominación de “Centros Públicos”.

  1. o Presidente e o Vicepresidente da Deputación da Coruña, deron unha Rolda de Prensa na que informaron de que, na Provincia da Coruña, vai iniciarse a construción dunha rede de residencias para maiores (Centros de Atención ás Persoas Maiores, CAM) cun modelo similar ao que xa existe na Provincia de Lugo. Naquela Rolda de Prensa informaron de que, no primeiro semestre de 2026, comezará a construción das novas residencias que se situarán nos concellos de As Pontes de García Rodríguez, Ordes e Rianxo. Segundo expresaron os responsábeis da deputación coruñesa é unha iniciativa que aposta por un modelo “público, próximo, sostíbel e centrado nas persoas”.
    No presente texto, desde a Asociación Galega en Defensa do Sistema Público de Dependencia e Discapacidade (ASGADeD) queremos facer pública a nosa valoración global deste novo modelo de residencias (o Modelo dos CAM), após de avaliar a experiencia das 9 CAM que xa levan uns anos funcionado na Provincia de Lugo, e na perspectiva de que este modelo de residencias de maiores se estenda tamén á Provincia da Coruña. Tamén avaliaremos se aos CAM actualmente existentes na provincia de Lugo lles resulta acaída a denominación de “Centros Públicos”. centros residenciais dirixidos ás persoas maiores
    . Que outras administracións, alén da Xunta de Galicia, tomen esa decisión é unha nova moi positiva dada a escaseza de prazas residenciais de maiores existentes en Galicia.

  2. Os centros residenciais creados ao abeiro do que podemos chamar “Modelo dos CAM” incorporan melloras evidentes respecto dos promovidos pola Xunta de Galicia. Porén, algunhas das características dos centros xa creados pola Deputación de Lugo consideramos que presentan eivas relevantes. Agardamos que esas eivas non estean presentes nos centros que vai crear a Deputación da Coruña e que se superen, tanto nos centros xa existentes da Deputación de Lugo, coma nos centros residenciais de próxima apertura promovidos por esta mesma institución.

  3. Entre os aspectos que valoramos como positivos dos CAM promovidos polas Deputación de Lugo e Coruña, figuran os seguintes:

    1. Son residencias pequenas, e polo tanto mais humanas que a maioría das residencias existentes en Galicia, pois dos 9 CAM que xa están en funcionamento na Provincia de Lugo (nos concellos Ribadeo, Trabada, A Fonsagrada, Meira, Pol, Castroverde, Navia de Suarna, Pedrafita do Cebreiro e Rivas de Sil) teñen un tamaño medio de 33 prazas/residencia, cun rango que oscila entre as 28 prazas do CAM da Fonsagrada até 48 do de Ribadeo, e semella que tamén vai ser ese o tamaño medio dos 9 novos centros que a Deputación de Lugo ten previsto inaugurar nos próximos anos.

Por outra banda as residencias que se proxecta construír na Provincia da Coruña (en principio nos concellos de As Pontes, Ordes e Rianxo), semella que van se máis grande que as de Lugo, cun tamaño medio de aproximadamente 50 prazas.

    1. Son centros de proximidade, o que vai facilitar moito manter as persoas usuarias dentro da súa contorna habitual (aging in place), e así contribuír a reducir o illamento social destas persoas. No aceso aos CAM priorízanse claramente ás persoas vinculadas co propio concello no que se sitúa a residencia correspondente e, en segundo termo, ás persoas vinculadas aos concellos limítrofes con aquel. Ser centros de proximidade facilita tamén que estas residencias contribúan positivamente ao emprego local e a fixar poboación en contornas rurais ou semi-rurais. Esta característica de proximidade ten un impacto económico positivo nos concellos nos que se sitúan pois, entre outros moitos aspectos, potencian o emprego local, e a economía local, ao poder acceder a servizos e bens de proximidade na contorna

    2. As novas residencias que a Deputación de Coruña proxecta crear serán centros divididos en Unidades de Convivencia (UC) non superiores ás 15 persoas (coa súa propia sala, cociña, …), no intento de evitar a despersonalización e crear un ambiente “de fogar”. O establecemento obrigatorio nas residencia das UC, dun tamaño non superior a 15 persoas, estableceuse na Resolución de 28 de xullo de 2022 do Consello Territorial de Servizos Sociais e do Sistema para a Autonomía e Atención á Dependencia. En Finlandia as UC son de entre 8 e 12 persoas. A Xunta de Galicia négase a aceptar ese tamaño máximo e eleva a 25 o límite de persoas nas UC.

    3. O prezo que teñen que pagar as persoas usuarias para ser admitidos nos CAM é moito mais asumíbel que os das residencias privadas.

    4. O persoal técnico (de medicina, de enfermaría, de traballo social, terapia ocupacional, fisioterapia, psicoloxía, de actividades socioculturais, …) dos CAM, e tamén o seu persoal administrativo, é público e está contratado e coordinado desde a Deputación.

  1. Entre as eivas que lle vemos ao modelo de CAM presente na Provincia de Lugo, destacan as seguintes:

    1. Nos CAM de Lugo, predominan claramente as habitacións dobres, o que reduce a calidade do modelo ao dificultar tanto o respecto polo dereito á intimidade e á privacidade das persoas usuarias, como a posibilidade de personalizar os seus espazos propios. Esperamos que isto se corrixa nos novos centros pendente de creación tanto da Provincia da Coruña como nos xa existentes na Provincia de Lugo.

    2. Nos CAM de Lugo, o persoal non técnico, tanto de coidados (persoal xerocultor, técnico en atención a persoas en situación de dependencia, técnico en coidados auxiliares de enfermaría, etc.), como de servizos xerais (persoal de cociña, lavandaría, mantemento, etc.), que cuantitativamente son a ampla maioría do persoal dos centros, está xestionados por empresas privadas, que son tamén quen dirixen o día a día dos centros.

Deste xeito, a grande maioría dos coidados directos prestados nos CAM son realizados por persoal que non é público e baixo a dirección de empresas privadas. Este persoal ten as súas condicións laborais e salariais reguladas ao través do Convenio das Residencias Privadas, que se caracterizan por establecer unhas condición salariais e laborais dunha grande precariedade.

    1. Intimamente relacionado co anterior, os CAM da Provincia de Lugo non contan cunha normativa propia en materia de ratios mínimas de persoal, senón que se rexen pola normativa da Xunta de Galicia, a cal se caracteriza por establecer ratios moi baixos, o que inevitabelmente reduce a calidade da atención prestada ás persoas usuarias.

    2. En ningún dos CAM promovidos pola Deputación de Lugo existe nada parecido a un Consello de Participación Social nos que se canalice as preocupacións, e a voz, das persoas usuarias, dos seus familiares, ou das asociacións ou colectivos sociais que estean preocupados pola calidade da atención que se lles presta ás persoas usuarias.

E.- Das catro características esenciais que compre analizar para poder caracterizar a un centro residencial como público ou non, comprobamos que, nos casos dos CAM de Lugo:

  1. A Financiación é plenamente pública, e é froito da colaboración entre dúas administracións públicas: Concellos e Deputación.

  2. A Titularidade dos centros é plenamente pública, estando tamén partillada entre o Concello e a Deputación.

  3. A Xestión das residencias responden ao modelo de “colaboración público-privada”, ben coñecido e de resultados lamentábeis de importantísimos sobrecustes na construción e xestión de centros sanitarios tanto en Galicia (Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo), como fora dela.

  4. A Provisión dos coidados aos usuarios dos CAM é fundamentalmente privada, pois o 80% do persoal que os presta ten como empregador unha empresa privada, mentres que a provisión por parte de traballadores dependentes da administración pública é claramente minoritaria.

ASGADeD felicita ás Deputacións de Lugo e da Coruña pola súa innovadora aposta pola creación dos CAM, baseados nun modelo que, desde o punto de vista das persoas usuarias, supera claramente (en aspectos moi relevantes descritos no Apartado B) aos modelos de xestión privada ou concertada que a Xunta de Galicia promove como elementos centrais da súa estratexia de centros residenciais. O modelo dos CAM ofrece tamén, ás persoas usuarias, uns mellores coidados que os modelos de concesión administrativa, ou de “residencias públicas” xestionadas pola Xunta de Galicia, con enormes listas de agarda e ausencia total de preocupación dun elemento esencial de calidade como é a proximidade.

Sen embargo, ASGADeD, non pode aceptar a caracterización dos CAM como centros plenamente públicos, pois a súa xestión e provisión de coidados non poden ser cualificadas como de públicas.

Facemos un chamado aos responsábeis da Deputación da Coruña a que os CAM que, mantendo os aspectos positivos que teñen os centros xa existentes na Provincia de Lugo, aposten tamén por un modelo plenamente público de xestión e de provisión de coidados. E, aos responsábeis da Deputación de Lugo pedímoslles que modifiquen tamén e revertan a actual privatización da xestión e provisión dos coidados que prestan.

En definitiva pedímoslles aos responsábeis das Deputacións da Coruña e de Lugo, que se comprometan firmemente cun modelo de CAM no que tanto a financiación, como a titularidade, a xestión e a provisión dos coidados sexan plenamente públicos, de xeito que a calidade da atención aos usuarios estea plenamente garantida e a atención que prestan deixe de estar baseada na precariedade das condicións laborais e salariais da grande maioría dos seu persoal.

Ligazón ao documento: ASGADeD avalía o novo modelo de residencias de maiores promovido polas Deputacións de Lugo e Coruña.

GaliciaPress: https://www.galiciapress.es/articulo/ultima-hora/2025-10-09/5460089-piden-centros-atencion-as-persoas-maiores-coruna-lugo-sean-plenamente-publicos-gestion-atencion

Avances no diálogo co Ministerio de Consumo e a AESAN sobre a calidade alimentaria nas residencias e centros asistenciais.

  • ASGADeD, xunto co SLG e a Plataforma Comida Digna Xa, reúnese coa Axencia Española de Seguridade Alimentaria (AESAN) e o Ministerio de Consumo para falar das propostas ao Real Decreto para o fomento dunha alimentación saudábel e sostíbel.

  • Na reunión, que en xeral foi positiva, participaron Paula Rubio Marqués, técnica de xestión de organismos autónomos e representante de consumidores e usuarios, Teresa Robledo de Dios e Alberto Díaz García, de AESAN; Francisca Martínez, voceira da Plataforma Comida Digna Xa, e que forma parte de ASNADI (Asociación Nacional de Dietistas) e é a Coordinadora do Grupo de Especialización en Nutrición na Terceira Idade; e Isabel Vilalba Seivane e Margarida Prieto Ledo do Sindicato

Galiza, 9 de setembro de 2025.

O pasado 5 de setembro representantes de ASGADeD, xunto con o Sindicato Labrego-Comisións Labregas (SLG-CCLL) e a Plataforma Comida Digna Xa, reunímonos coa Axencia Española de Seguridade Alimentaria e Nutrición (AESAN) e o Ministerio de Dereitos Sociais, Consumo e Axenda 2030 para falar das nosas propostas ao Proxecto de Real Decreto para o fomento dunha alimentación saudábel e sostíbel na contratación das administracións públicas e en centros de persoas dependentes ou con necesidades especiais.

Aínda que as organizacións presentes na reunión xa participaramos no proceso de consulta pública do Real Decreto para abordar o problema da calidade da alimentación en residencias, centros de día e hospitais, esta nova reunión permitiunos reiterar as cuestións centrais desta realidade, xa que o documento normativo aínda non está pechado.

Durante a reunión, insistimos na necesidade de que o Goberno estableza criterios claros para garantir unha alimentación digna e saudábel en residencias, hospitais, centros educativos e nos programas sociais como Xantar na Casa. Para isto, destacamos a importancia de establecer mecanismos de seguimento do estado nutricional das persoas usuarias e de patoloxías que poidan estar relacionadas coa alimentación. Tamén insistimos na importancia de controlar os residuos tóxicos que poidan estar presentes na comida, a prohibición do uso habitual de precociñados e a reapertura de cociñas propias. Por outra banda, falamos tamén de que para poder asegurar unha alimentación digna é preciso que se repartan os menús diariamente, con alimentos locais de tempada e ecolóxicos —co obxectivo de que este tipo de alimentos sexan un 5% de xeito inmendiato, un 25% en 2030 e un 50% a medio prazo—. Por último, esiximos a prohibición do uso de transxénicos, a adaptación das dietas ás necesidades específicas das persoas usuarias e a redución do uso de plásticos, substituíndoos por materiais seguros como vidro ou aceiro inoxidábel.


Estamos diante dunha
ocasión decisiva para mellorar a dieta das persoas máis vulnerábeis —maiores, doentes, dependentes ou crianzas— e para poñer fin a unha situación de mala calidade xeneralizada, baseada demasiadas veces en produtos ultraprocesados, recalentados e servidos en envases de plástico. Tamén, é a oportunidade de aliñar o sistema alimentario cos obxectivos do Pacto Verde Europeo e da estratexia Da Granxa á Mesa, apostando pola introdución de alimentos locais e ecolóxicos que non só coiden a saúde pública das persoas, senón tamén o medio. É, en definitiva, unha ocasión para dar pasos firmes cara á soberanía alimentaria que precisamos.

Un encontro positivo

O encontro coa AESAN e o Ministerio de Consumo foi positivo en termos xerais. As demandas presentadas foron recibidas con interese. Así mesmo valoramos a transparencia coa que explicaron aqueles asuntos que escapan das competencias destas administracións e nos que non teñen capacidade de actuación.Documento: 

O proxecto de Real Decreto inclúe obrigas concretas e avaliábeis en materia de calidade nutricional e organoléptica, con distribución mínima de grupos de alimentos, variabilidade nos menús e limitación do uso de pratos ultraprocesados. Tamén contempla estudar un programa de seguimento do estado nutricional das persoas usuarias, establecer mínimos de consumo de froitas, verduras e legumes de tempada e proximidade, e introducir progresivamente produtos ecolóxicos seguindo o modelo do decreto de comedores escolares.

No relativo ao reparto de comida, desde a AESAN estableceron que, aínda que si que se pode incluír un aumento na frecuencia, a decisión de contar con cociñas in situ ou servizos de catering excede as competencias destes organismos. A normativa terá un alcance amplo, aplicándose non só a residencias e hospitais, senón tamén a programas e centros como Xantar na Casa, centros de día ou de discapacidade. As institucións amosaron acordo coas demandas, aínda que recoñeceron que a súa aplicación será complexa pola necesidade de coordinación interministerial, comprometéndose a avanzar na medida das súas posibilidades.

Dende ASGADeD consideramos que este encontro supón un paso adiante cara a garantir unha alimentación saudábel, digna e de calidade para as persoas maiores e usuarias dos servizos asistenciais. Seguiremos traballando para que as nosas demandas se concreten en compromisos reais que melloren a vida das persoas máis vulnerábeis.

Nota de Prensa SOBRE AS DECLARACIÓNS DO PRESIDENTE DA XUNTA RELATIVAS Á CONSTRUCIÓN DE 24 NOVAS RESIDENCIAS DE MAIORES

24/04/2025

Este mércores 23 de abril, o presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, anunciou no Parlamento galego que ao longo da presente lexislatura se porá en marcha un plan para construír 24 novas residencias en concellos de menos de 50.000 habitantes. Esta iniciativa suporá un incremento de 1.800 prazas residenciais na rede pública galega de servizos sociais.

Aínda que se trata dun anuncio relevante, a información dispoñible na actualidade resulta insuficiente para realizar unha valoración global da medida. Será preciso agardar a que a Xunta concrete e detalle as liñas mestras do Plan para poder emitir unha análise máis completa.

Tendo en conta estas limitacións, desde ASGADeD formúlase a seguinte valoración provisional sobre o anuncio:

a) A creación de novas prazas residenciais é unha boa nova, dada a escaseza actual. Segundo datos do IMSERSO de decembro de 2023, o índice de cobertura en Galicia é de 3,33 prazas por cada 100 persoas maiores de 65 anos, lonxe da media estatal (4,2) e da dos países da OCDE (5). Este déficit explica que, haxa, segundo a Xunta, 1.615 persoas maiores en situación de dependencia en lista de agarda para acceder a unha praza pública, segundo se publicou en prensa no mes de decembro. Porén, o plan para crear 1.800 novas prazas resulta claramente insuficiente, xa que, segundo estimacións de 2023, serían necesarias 13.000 prazas adicionais para acadar os niveis da OCDE1.

b) É positivo que se aposte por crear residencias en concellos de menos de 50.000 habitantes, xa que o anterior anuncio da construción de centros financiados pola Fundación Amancio Ortega nas sete cidades galegas xeraba un agravio

comparativo coas vilas e municipios máis pequenos. Esta medida axuda a equilibrar o mapa de atención residencial no territorio.

c) Valórase favorablemente que o tamaño medio previsto para os centros sexa de 75 prazas, xa que se axusta aos criterios recollidos na Resolución do 28 de xullo de 20221 e facilita unha atención máis personalizada e centrada na persoa.

d) A decisión de organizar os centros en unidades de convivencia de 25 prazas resulta pouco axeitada, xa que se trata dun tamaño excesivo que dificulta a personalización da atención e a creación dun ambiente caseiro. Para garantir unha atención centrada na persoa, a Xunta debería seguir os criterios mínimos establecidos na Resolución do 28 de xullo de 2022, que indica que as residencias de nova construción se estruturen en unidades de convivencia de, como máximo, 15 persoas usuarias. Como referencia en Finlandia son dun máximo de 12 persoas.

e) Cómpre que a Xunta clarifique tanto os criterios que vai empregar para decidir a localización das novas residencias, pois a transparencia neste proceso é clave para garantir a equidade territorial e a cobertura das zonas con maior demanda, así como a contía e orixe dos recursos económicos que ten intención de dedicar a construílas

f) O anuncio non especifica o modelo de titularidade nin de xestión, nin de provisión, dos centros previstos. A Xunta limítase a indicar que desenvolverá un plan de construción ao longo da lexislatura, sen concretar se as residencias serán de titularidade pública ou privada, nin se serán xestionadas de maneira directa ou indirecta pola propia Xunta.

Neste sentido, é relevante lembrar precedentes como o Plan de Atención Galego ás Persoas Maiores 2001-2006, no que a Xunta asinou un convenio co IGAPE para subvencionar a construción de 20 residencias privadas de máis de 150 prazas, condicionando a recepción da subvencións a que arredor do 40% das prazas de cada centro fosen concertadas coa Xunta2. Tendo en conta esta experiencia, resulta esencial que a Xunta aclare se as novas residencias serán públicas ou privadas, e en caso de seren públicas, se a súa xestión será directa (por parte da administración) ou externalizada a entidades privadas, como aconteceu coas residencias promovidas pola Fundación Amancio Ortega.

g) As novas residencias que a Xunta di que vai crear, deben ser, en opinión de ASGADeD, de titularidade, xestión e provisión 100% públicas, para que podan cumprir con eficacia e eficiencia o seu papel e dar servizo a poboación galega e reducir as importantes listas de espera que existen para conseguir unha praza nunha residencia pública

1- Ver este estudo ao respecto: https://dialnet.unirioja.es/servlet/articulo?codigo=9164557

Tamén: https://www.galiciapress.es/articulo/sanidad/2025-01-22/5146905-galicia-enfrenta-crisis-residencias-mayores-falta-plazas-altos-costos-largas-listas-espera2

2- Resolución de 28 de julio de 2022, de la Secretaría de Estado de Derechos Sociales, por la que se publica el Acuerdo del Consejo Territorial de Servicios Sociales y del Sistema para la Autonomía y Atención a la Dependencia, sobre criterios comunes de acreditación y calidad de los centros y servicios del Sistema para la Autonomía y Atención a la Dependencia.

Centros de coidados: xestión pública, privada ou “social”? – Por Francisco Vizoso, Margarida Prieto, Eva Gutierrez e Mónica Hernán.

O pasado venres, 28 de marzo, publicouse en “Praza Pública, un artigo crítico coa chamada xestión “social” e en defensa da xestión pública dos centros de coidados. A autoría do artigo é de 2 persoas do Grupo Promotor de ASGADeD e outras 2 persoas da Plataforma Pro-CAPD (Centro de Atención ás Persoas con Dependencia de Ourense).”

Ligazón ao artigo: https://praza.gal/opinion/centros-de-coidados-xestion-publica-privada-ou-social

Pódese descargar o documento desde a Biblioteca de ASGADeD.

 

Comunicado de Apoio ás mobilizacións que están desenvolvendo o persoal e usuarios da Residencia “Volta do Castro” de Santiago para defenderse da “psiquiatrización” da súa residencia por parte da Xunta.

11/03/2025

Dende  a Asociación en Defensa do Sistema Público da Dependencia e Discapacidade (ASGADeD) queremos amosar o noso apoio e solidariedade co persoal, familiares e usuarios da residencia pública “Volta do Castro” de Compostela, que están a levar a cabo mobilizacións de protesta (denuncias aos medios de comunicación, concentracións, recollida de sinaturas ou andainas ou “peregrinacións”…) de denuncia do que denominan “psiquiatrización” da súa residencia.

A Xunta actúa temerariamente ao meter en residencias de maiores a un tipo de pacientes para os que non están preparadas: persoas con menos de 65 anos con patoloxías psiquiátricas ou adiccións, e fano  sen ter ningún plan específico para uns pacientes con necesidades especiais, pois o seu correcto coidado é diferente do habitual nunha residencia de maiores; este tipo de pacientes ocupan máis tempo de atención e requiren máis recursos e persoal formado e especializado nas doenzas que os caracterizan e, ademais e con certa frecuencia, presentan crises para as que a Xunta non aporta protocolos de actuación.

Segundo informan traballadoras da residencia, actualmente o 75% dos ingresos son psiquiátricos ou de adiccións, e a falla de persoal e de preparación para esas doenzas, xunto co feito de que os outros usuarios son persoas maiores e fráxiles, crea cada vez máis inseguridade e sobrecarga de traballo, incluso agresións entre internos e algúns roubos. A xunta só deu un cursiño de «seis horas para o equipo médico e as enfermeiras, e para as auxiliares, una formación online» isto é unha mostra da pequenísima importancia que a Xunta lle dá a este problema.

Lembramos que a residencia “Volta do Castro”, foi a primeira en completar a transformación tecnolóxica, que a Consellería de Política Social di estar promovendo no ámbito sociosanitario, para alegría das empresas tecnolóxicas e como practicamente única estratexia para mellorar a calidade das residencias. Os problemas de escaseza do persoal ou das escasísimas prazas existentes nas residencias públicas non parecen preocuparlle tanto.

O problema tamén se presenta noutras residencias, por exemplo no CRAP de Vigo, mais é na residencia “Volta do Castro” onde as traballadoras e traballadores, e tamén algúns familiares e usuarios, estanse opoñendo dun xeito activo a esa política de “psiquiatrización” da súa residencia que está provocando un deterioro da calidade dos coidados que se prestan nela.

A calidade da atención nas residencias galegas empeorou despois da pandemia de COVID e cada vez hai menos medios e recursos; na súa ultima ocorrencia a Xunta recortou a presenza de persoal de enfermería mentres que, ao mesmo tempo, está a ingresar nas residencias públicas a xente que, cando non está atendida por persoal especializado e suficiente, pode alterarse, volverse agresiva, ou ter condutas antisociais.

Fabiola García actúa con hipocrisía cando dí que a estes pacientes failles falta “empatía e humanidade” e que “esa xente ten que estar nalgunha parte”. Certo, estes pacientes teñen que estar nalgún sitio, mais as residencias de maiores non é o sitio máis adecuado para que estean. E é a súa responsabilidade, como Conselleira de Política Social, garantir que estean en centros axeitados, dotados dos recursos e do persoal especializado que exixe a súa correcta atención. A conselleira, ou non se enteira de todo o sufrimento que ocasionan as súas ocorrencias ou é extremadamente inhumana

Comunicado sobre a desaparición da presenza de enfermeiras na quenda de noite na Residencia Castro Ribeiras de Lea (Castro de Rei).

E DICÍAN QUE NON ERAN RECORTES.

22 de xaneiro de 2025

A desaparición da presenza de enfermeiras na quenda de noite na Residencia Castro Ribeiras de Lea (Castro de Rei) demostra que, como denunciamos desde ASGADeD, a Orde da Consellería de Política Social de 4 de decembro de 2024, estaba a sentar a base para novos recortes do persoal das residencias.

Dende a ASGADeD (Asociación Galega pola Defensa do Sistema Público de Atención á Dependencia e Discapacidade) denunciamos hai unhas semanas que a Consellería de Política Social publicou no DOG do venres 13 de decembro a Orde do 4 de decembro de 2024, que modifica a Orde do 18 de abril de 1996 e que suprime a obriga de ter enfermeira 24 horas para residencias de mais de 40 prazas (5 enfermeiras contratadas como mínimo). Un feito gravísimo con consecuencias directas para a saúde das usuarias de residencias que incluso pode comprometer as posibilidades de supervivencia nos casos de urxencias vitais que precisen coidados especializados.

Pois ben, xa estamos a sufrir a primeira consecuencia: a dirección da residencia de Castro Ribeiras de Lea (Lugo), un centro de titularidade pública mais de xestión privada pola empresa SK Senior, con 172 prazas para persoas dependentes decidiu unilateralmente suprimir o persoal de enfermería na quenda de noite, ficando só ao persoal xerocultor na quenda de noite. Si se produce unha urxencia nesa quenda, serán as xerocultoras as responsables da primeira atención, decidir as derivacións hospitalarias, chamar ó 061, etc., polo que mentres fan esas funcións para as que non teñen a formación específica, quedan as demais usuarias sen atender, retrasando o traballo nocturno habitual (cambios de cueiros, inxesta de suplementos, rondas, etc.). Non queremos pensar no que pasaría si se producen varias urxencias na mesma quenda.

A seguinte consecuencia será que non se van cubrir as vacacións, IT, permisos por garda legal e calquera outra circunstancia das enfermeiras. Tampouco se contratará persoal para cubrir vacantes e as poucas que queden en cada centro estarán tan sobrepasadas e saturadas que se marcharán a outros sectores buscando mellores condicións laborais, polo que aínda será mais difícil atopar persoal. Todo para xustificar a máxima das empresas privadas: “non atopamos persoal”.

Como denunciamos con anterioridade esta Orde só beneficia ás empresas propietarias e/ou xestoras de residencias (a maioría pertencentes a grandes corporacións con capital procedente de fondos de investimento ou a empresas de construción) e prexudica gravemente ás usuarias, a súas familias e ao persoal que traballa nos centros, con medios cada vez mais precarios.

Á Consellería de Política Social non lle chega con desmontar o sistema público de dependencia privatizando as unidades, servizos e centros públicos para encher as arcas dos empresarios, con estas medidas buscan volver a un sistema de asilos mais propio do século XIX-XX, cun desprezo total cara a aquelas persoas que sofren dependencia ou discapacidade, as súas familias, as traballadoras e a sociedade en xeral.

Desde a ASGADeD solidarizámonos coas persoas usuarias da Residencia de Castro de Ribeiras de Lea, e as súas familias, que verán reducirse a calidade da atención que se lles presta coa desaparición da quenda de noite de enfermaría, así como aínda como coas traballadoras da Residencias que verán aínda mais precarizadas as súas condicións de traballo como consecuencia do novo recorte que vai aplicar a Dirección da Residencia en aplicación do recorte promovido pola Consellería de Política Social.